RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Chega o momento da temporada máis determinante, advirte Irene Ferreras

Irene Ferreras subliñou na sala de prensa que, con dous partidos consecutivos en casa para o Dépor ABANCA, "só penso en mañá", en referencia á visita do CD Fundación Osasuna Femenino ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo).

Admite iso si que "vén á vista un partido (o da CE Europa en ABANCA-RIAZOR o domingo 31) bonito polo escenario e demais, pero o máis importante agora é centrarnos en facer mañá un bo partido. É moi, moi importante para nós, o equipo sábeo. Sei que se cadra non é o escenario, en comparación con ABANCA-RIAZOR, máis rechamante, pero temos que seguir na mesma tónica de facernos fortes aquí".

A preparadora deportivista cre que "chega o momento da temporada máis determinante. Levamos traballando moitos meses para colocarnos aí arriba e agora veñen os partidos que van definir onde terminamos".

Así pois, asegura que "vimos mañá mentalizadas de que temos un partido duro por diante, pero o equipo ten moitas ganas, está cunha motivación tamén interna, con ganas de resarcirnos e seguir nunha liña moi positiva aquí en Abegondo".

Da derrota en Barcelona, Irene Ferreras explica que "a nivel interno analizámolo, sacamos moitas aprendizaxes de todo, da parte técnico-táctica, pero sobre todo a parte emocional que cando hai un resultado tan avultado ten moito que ver. E xa está. Profundamos, doeunos e o máis importante é con iso que nos pasou, que reacción tivo o equipo e a semana foi moi boa, coa dor normal que tes a principio de semana de dixerir todo e coa vista posta en Osasuna".

Lembra que "levabamos unha dinámica extraordinaria. Ao final veñen momentos de fochancas, en todas as temporadas pasan. O máis importante de todo isto é que facemos agora con iso. O equipo mentalmente asumiuno ben. Temos moitas ganas de xogar e de volver ser un equipo sólido, fiable e con carácter competitivo".

Do rival, o CD Fundación Osasuna Femenino, alerta que "imos ter diante un rival cun estilo de xogo totalmente diferente ao noso, un xogo directo que che vai a esixir moito non só en situacións de duelo, senón en concentración e en que facer cando es capaz de recoller esas segundas xogadas. Desde a fiabilidade defensiva, a contundencia, ser sólidas hai que tentar atopar daquela os nosos momentos de fútbol con balón que seguro que os vai a haber; e ser capaces de ir xestionando eses pequenos minipartidos dentro do partido porque haberá momentos para todo".

Avisa que o conxunto navarro "vén nunha boa dinámica, pero de antecedentes non podemos vivir. Temos que vivir do presente, o equipo ten capacidade, ten ganas, xogámonos moito, estamos con #ANOSAFORZA. É o contexto adecuado para que o Dépor ABANCA salga mañá a gañar o partido e a ter personalidade".

As Nosas recuperan a Eva Dios despois da súa participación nos Xogos Sordolímpicos de Inverno en Turquía coa selección española de fútbol sala: "Tivemos un pouquiño de paciencia porque aínda que chegara (a semana pasada) e estaba dispoñible quizá non estaba nas mellores condicións. Despois destes días co equipo, de asentarse e a ter a mente posta nisto volvo contar con ela con normalidade, como sempre. Seguro que as súas características tan especiais axúdannos moito de aquí a final de temporada tamén".

Finalmente, preguntada por Laurina, que onte se pasou pola sala de prensa, a adestradora branquiazul opina que "ela o expresou súper ben. Eu non vou mellorar nada do que puido comentar sobre a súa situación. O único que sei é que a día de hoxe impórtanos máis a Laura persoa que a Laurina futbolista. Está claro que eu son a adestradora do equipo e vou buscar rendemento e teño que atopar tamén o espazo para mirar por ela e para ir atopando ese equilibrio dentro do seu proceso, que como xa vos comentou onte, pois non é sempre ascendente e vai ter momentos. Estamos moi contentos con tela no día a día xa, pero sempre cun pouquiño de alerta nese coidado sabendo que é unha persoa que vén do que vén; e tratando de que teña a maior continuidade posible. Demostrou unha valentía brutal superando isto e pelexando cada día con isto. Iso ao equipo tamén lle fortalece. A chegada dunha compañeira que estivo fóra, que volva entrar, que volva ter minutos, que é unha peza máis dentro do equipo que nos pode achegar cousas a nivel futbolístico, todo iso fortalécenos. Estou contenta polo paso que deu chegando e o paso que deu onte tamén ao falar diante de todos vós, facelo tan ben, expresalo con tanta naturalidade, que tanta falta fai para que a nivel social todo o mundo empece a ver isto doutra maneira".