RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cruel desenlace a un partido sen historia (1-0)

DUX Logroño e Dépor ABANCA afrontaban un partido de equipos que a temporada pasada víronse as caras en Primeira División e que arrincaron esta mostrando a súa candidatura a estar no máis alto ao final do ano. As rioxanas tiñan o aliciente de poder botar a luva na clasificación se lograban derrotar por primeira vez a un Dépor ABANCA sólido en todas as facetas do xogo. A igualdade no que xogaran ambas as contendentes até a data reflectiuse nun partido para o que Miguel Llorente apostou por Carlota como substituta da lesionada Jone Ibáñez e pola entrada de Aroa Guerra en punta en lugar de Laura Fernández con respecto ao último partido, permutando con esta rotación as posicións sobre o campo do rombo atacante.

A dianteira granate Elena rematou alto un centro no minuto 7 na primeira das aproximacións do partido. O Dépor ABANCA respondeu cunha falta de María Ruiz que se estrelou na barreira, deixando un balón para Cris que disparou desviado. Após o tenteo inicial, o Dépor fíxose dono do partido durante un período curto de tempo no que o DUX Logroño esperaba en campo propio as posibles acometidas coruñesas. Aos poucos, as rioxanas fóronse facendo coa posesión do balón pero en ningún momento o xogo foi claro para ningún dos equipos. Constantes faltas e interrupcións por saídas do balón do terreo de xogo marcaron boa parte do guión dun partido no que Poza e Ana Valles apenas tiveron traballo. Un disparo de Rebecca obrigou á porteira do Dépor ABANCA a desviar a córner, do mesmo xeito que salvou a tiro de Elena após unha recuperación local cando se afrontaban o últimos cinco minutos do primeiro tempo.

Na segunda metade o partido non mellorou e o Dépor ABANCA só conseguiu chegar a través de senllos disparos de María Ruiz, o primeiro de falta desviado pola gardameta local a córner e posteriormente cun tiro centrado ás mans de Poza. Cando parecía que o Dépor ABANCA máis cómodo estaba sobre o terreo de xogo para controlar con balón o desenlace do partido e sumar un punto nun encontro sen historia, as locais viñeron arriba sobre a bucina. Avisou primeiro cun centro da exdeportivista Kika Moreno, recentemente ingresada no campo, que rematou lixeiramente desviado de cabeza Andrea Palacios. Non perdoou, a un minuto do final do tempo de prolongación, Anita Hernández para pór o 1-0 que evitou sumar un punto ás branquiazuis, probablemente o xusto ante o pouco que contar dun partido do que só pasará á historia desta temporada o cruel desenlace para un Dépor ABANCA que ve como se comprime a parte alta da clasificación cun rival co que seguramente pelexará polo obxectivo final da temporada.

DUX Logroño: Poza, Valderas, Infante, Rebeca (Andrea Palacios, min 60), Coolfat, Aby Manou, Ana Hernández, Solow (Kika, min. 85), Ida, Rebecca e Elena (Olga García, min. 60).

Dépor ABANCA: Ana Valles, Cris Martínez, Raquel García, Inés Altamira, Goretti Neira (Andrea Sierra, min. 72), Paula Gutiérrez, Carlota Sánchez, Alejandra Serrano (Eva Dios, min. 65), Ainhoa Marín, María Ruiz e Aroa Guerra (Adule, min. 72).

Goles: 1-0 Ana Hernández (min. 90+2)

Árbitro: Lakbir Larhlid (c. rioxano). Amoestou a Coolfat (min. 10), Goretti Neira (min. 20), Paula Gutiérrez (min. 35) e Elena (min. 55)

Incidencias: partido da 7º xornada de Reto Iberdrola disputado no Campo Mundial 82 de Logroño