RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ensaio xeral no Dépor cun partido a campo completo esta mañá en Abegondo

A data do partido ante a SD Logroñés, este venres 1 de outubro ás 21:00 horas en ABANCA-RIAZOR (Footters), condiciona tamén a planificación do traballo semanal do Deportivo.

Nunha semana normal, o corpo técnico rebaixa a carga de traballo dous días antes do partido; con todo, con apenas tempo para preparar o choque ante os rioxanos, Borja Jiménez suprimiu o día de descanso semanal e dispuxo hoxe mércores, a pouco máis de 48 horas desta nova cita en ABANCA-RIAZOR, unha tarefa táctica no Campo 2 e un partido once contra once a campo completo como exercicios principais do día, nun ensaio xeral de cara a esta 6ª xornada en Primeira RFEF. Un quecemento e uns rondos serviron para iniciar o traballo sobre o céspede.

Incorporouse con normalidade Diego Aguirre, onte ausente cun proceso vírico. Así pois, o único futbolista á marxe do grupo é Pablo Trigueros. Trilli realizou a primeira parte co resto dos seus compañeiros tal e como está pautado polos Servizos Médicos, para continuar daquela a sesión no ximnasio e cos fisioterapeutas; e Valín tamén acabou antes no céspede a consecuencia dunha molestia nun aductor, pendente de valoración médica.

Con Yeremay en Polonia co Xuvenil A para debutar esta tarde na UEFA Youth League, o meta Alberto e Noel foron a representación de #ANOSACANTEIRA no adestramento de hoxe.

Mañá xoves, o Dépor adestrarase en ABANCA-RIAZOR a partir das 10:30 a porta pechada. Será a penúltima sesión previa ao partido, posto que o venres o equipo está citado de novo no Estadio ás 11:00 horas.