RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Entradas para o Fabril - Viveiro do domingo ás 17:00 en Abegondo

O Real Club Deportivo activa, dentro das esixencias da actual situación sanitaria, o protocolo de apertura con aforo reducido da Cidade Deportiva de Abegondo para o partido de Tercera RFEF do domingo 26 de setembro ás 17:00 horas entre o Fabril e o Viveiro CF.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforo e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web: https://bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos, só separados polas distancias de seguridade.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación en atención á normativa sanitaria de seguimento da COVID-19.

Dada a limitación de localidades dispoñibles, o Real Club Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforo nun proceso 100% telemático.

A xestión pode realizarse desde a publicación desta nota informativa e até completar o aforo. As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até o venres 24 ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese aforo aínda dispoñible, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en https://bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños), respectando en todo momento a distancia de seguridade nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.