RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Estar aí abaixo custa para reverter a situación", admite Manu Sánchez, que asegura ver "moi ben" ao seu equipo no traballo diario

Manu Sánchez lamentouse hoxe na sala de prensa de Abegondo de que no partido de mañá domingo 31 de xaneiro (18:30) en Abegondo do Deportivo ABANCA ante o Levante UD non poida contar co alento de #ANOSAFORZA: "Para nós era fundamental. Xa desde o ano do ascenso creouse unha comuñón entre o equipo e a afección, cun ambiente especial e diferente aquí en Abegondo. Estamos a notar a ausencia da xente. Non é ningunha escusa dos resultados do equipo pero si que é algo que tanto as xogadoras, como nós mesmos ou os rivais destacan. Esa forza que tiñamos desde a bancada desapareceu e nótase moito. É unha mágoa que non podamos estar nós con #ANOSAFORZA xuntos neste camiño. É un obstáculo máis que temos que saltar".

O técnico deportivista, que leva catro partidos sen gañar, cre que "o equipo está ben. A xeira (positiva) cortouse co partido do FC Barcelona, que eu creo que sacamos cousas moi positivas. Despois en Tenerife fixemos un desastre de partido e trouxemos unha derrota máis que merecida. Pero a semana pasada en Valencia creo que non é un partido para vir cun 3-0. Máxime vendo que tivemos ocasións suficientes para poñernos diante no inicio do partido. Creo que o equipo estivo moi ben, entrou moi ben, fixo unha gran primeira parte. Logo ao final eses pequenos detalles que marcan o final de cada partido penalizáronnos".

Asegura que "elas son conscientes do que fixemos alí. O equipo non está tan mal como parece pero si que é certo que nesta liga tan competida hai equipos que fan moi ben as cousas e non conseguen sacar os partidos adiante. Estar aí abaixo custa para reverter a situación. Pero eu estou moi contento con esta semana de traballo, vinas moi ben. Temos que tentalo mañá, con todas as da lei e tentar facer valer Abegondo".

A catro puntos da salvación aínda que con tres partidos menos, Manu Sánchez confesa que "eu tento apartarme de todos os cálculos. O que temos diante mañá é o Levante UD. Procuro non facer contas da leiteira. Contamos con disputar todos os partidos desta competición e é o que temos que facer. Hai un determinado número de puntos que temos que lograr para a salvación. É o que imos tentar".

É consciente o adestrador coruñés que "as xogadoras nas súas cabezas están coas súas calculadoras. Nese sentido son todas de ciencias puras. Eu intento apartarme e mentalizalas de que o importante é o que temos por diante. E agora é o Levante UD. Xa pensaremos no que teremos máis adiante. Imos pelexar todos os puntos que temos en xogo e non discriminar en función de rivais, situacións e xornadas aprazadas".

Do rival, lembra que vén de derrotar ao poderoso Atlético de Madrid con claridade (3-0): "Foron moi superioras e plasmouse todo o traballo de María (Pry, adestradora): as ideas que hai, toda a versatilidade que lle dá este cadro que ten".

Finalmente, Manu Sánchez desexou nos últimos días de mercado, "ter a sorte de recibir algunha axuda para afrontar o que resta de campionato. Non temos problema de calidade, pero si de cantidade. A ver se podemos con isto compensar todo".