Exercicio táctico baixo a choiva esta tarde en ABANCA-RIAZOR
Rubén de la Barrera encerrouse co seu equipo, incluídos os fabrilistas Adri Castro e Alberto, en ABANCA-RIAZOR baixo unha intensa choiva.
O técnico deportivista dispuxo unha serie de exercicios tácticos cos seus futbolistas, facendo especial fincapé na saída de balón desde atrás... Todo orientado a trazar o plan de partido para este sábado 20 de febreiro na Malata ante o Racing de Ferrol (19:00 horas, TVG).
Miku, o único á marxe, traballou co readaptador, Fran Molano.
Mañá xoves, o Dépor adéstrase sobre o céspede de Abegondo a partir das 11:00.
O Dépor arrinca a semana de traballo con só Miku fóra do grupo
O Deportivo comezou esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo a preparar a visita ao Racing de Ferrol.
Rubén de la Barrera puido contar con todo o seu cadro excepto Miku, que se recupera dunha sobrecarga na musculatura aductora. Nesta ocasión, os fabrilistas Adri Castro e Alberto estiveron co primeiro equipo.
O técnico deportivista, após un quecemento, ordenou unha tarefa de posesión, un exercicio táctico e, para concluír, fútbol en espazo reducido, de alta intensidade. Todo iso no campo 3 da instalación deportivista. e por espazo de case hora e media.
Pola tarde, o cadro regresou aos adestramentos ás 18:00 horas en ABANCA-RIAZOR, nunha sesión a porta pechada.