RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Éxito de inscricións para formar parte do Dépor de e-sports. Comeza a selección de capitáns

A posta en marcha da sección de e-sports do Real Club Deportivo, coa procura de xogadores que formarán os equipos en cada unha das plataformas nas que se compite: Play Station 4, Xbox e PC, foi un auténtico éxito de convocatoria, con máis de 800 solicitudes recibidas en menos dunha semana.

Unha vez pechado o prazo, 805 candidatos contactaron co Real Club Deportivo para mostrar o seu interese en formar parte dos equipos do Dépor, concretamente en 83 en PC, 624 en PS4 e 98 en XBOX.

A partir deste momento, analizaranse as solicitudes recibidas e o Club continuará co proceso de selección entrevistando a posibles candidatos a capitán dos diferentes equipos. Os capitáns que resulten elixidos serán os encargados de axudar ao Club para determinar que 13 xogadores lles acompañarán para formar cada un dos equipos.

O Real Club Deportivo está a levar a cabo este procedemento aberto porque quere que, como noutros ámbitos da entidade, sexa unha experiencia aberta a todo o deportivismo e, sobre todo, exista a maior vinculación posible entre os seus xogadores e o Club. Por este motivo, no proceso de selección, tanto de capitáns como de xogadores, o feito de ser accionista ou socio do Dépor, así como deportivista na Coruña ou na diáspora, será un factor diferencial á hora de seleccionar xogadores dentro da comunidade.

Deste xeito, a creación dos equipos do Dépor continúa coa ruta marcada desde o Club mentres de maneira paralela arrinca a primeira parte da competición oficial na VFO. O Real Club Deportivo integrarase na VFO no momento no que todo este proceso de posta en marcha dos equipos se complete e o Dépor estea en condicións de competir.

O Real Club Deportivo únese deste xeito á puxante modalidade dos eSports -deportes electrónicos- comezando, máis concretamente, polas ligas do FIFA 17, unha competición posta en marcha pola VFO (Virtual Football Organization) e da que forman parte outros clubs de LaLiga e algúns que se sumarán nos próximos meses.