RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juergen Elitim confesa estar "tolo" por ver cheo ABANCA-RIAZOR e aprecia "moita ilusión" en #ANOSAFORZA

Juergen Elitim explicou esta mañá na sala de prensa que no vestiario "tentamos dar a maior normalidade posible á derrota así como demos á vitoria. É unha razón máis para a motivación. Por sorte temos partido bastante pronto e esperamos darlle a volta canto antes e seguir facéndonos fortes en ABANCA-RIAZOR".

De feito, opina que a este primeiro partido perdido "estamos a darlle un pouco máis de drama do que realmente significa. Isto é un xogo. Existen tres posibles resultados e esta vez tocounos perder. O equipo tómao como unha motivación extra de darlle a volta, de tentar facelo mellor, de corrixir erros, de poder reivindicarnos, de aproveitar os desquites que che dá o fútbol día a día e que o venres salga moito mellor", recalca.

O centrocampista colombiano alégrase de que "o fútbol grazas a deus dáche desquite e esta vez tócanos bastante pronto. Nós, ao día seguinte esquecemos o partido anterior para ben ou para mal; e por sorte xa bastante pronto temos unha nova cita".

Do choque do pasado domingo no Estadio Reina Sofía, no que se lle puido ver en fases do partido máis pegado á banda, indicou que "estivemos a dominar gran parte da primeira parte, ata que eles fan o gol, que chega xusto no momento onde máis cómodos nos estamos sentindo. Xoguei aí bastantes veces, faleino co míster, comentoumo e quería un pouco de amplitude meténdome cara a dentro con opcións a tirar a porta, último pase, asociarnos... Ademais é unha das posicións onde podo xogar, síntome bastante cómodo. Logo deuse o cambio de posición, pero pódome adaptar a calquera posto no centro do campo e para iso estou aquí e axudar ao equipo no máximo que poida".

Confesa que sería "unha tolemia" poder encher ABANCA-RIAZOR: "Xa o outro día contra o CD Badaxoz #ANOSAFORZA deunos ese plus. Houbo momentos do partido en que quizais non nos sentimos moi cómodos e ABANCA-RIAZOR dáche ese xogador máis que será clave durante toda a temporada. Estou tolo por ver o estadio cheo completamente e alentando como adoita facer co equipo". "É espectacular en ABANCA-RIAZOR, nas rúas cando imos fóra, non só no Estadio Reina Sofía. En Tudela, en Calahorra houbo xente. Estou a gozar de #ANOSAFORZA, de vivir os partidos desa maneira, da maneira en que o viven eles. Creo que hai certa conexión e ese feeling que che dá un puntiño máis cando cando quizais as pernas non van ou cando estás a pasar un momento incómodo durante o partido, que se vai a dar en todos. Sempre empuxa a afección, axúdanos e queremos que siga sendo así. Hai moita ilusión de ambas as partes, moita ambición e seguro que sendo así será un bonito ano", engade.

A nivel persoal, confesa estar "bastante contento. O trato do Club, dos compañeiros e da cidade desde o primeiro momento foi de dez. Estou bastante cómodo coa cidade, gústaume bastante. Indo así as cousas será moito máis fácil o período de adaptación. Espero que todo continúe así e seguir gozando".

Da SD Logroñés, rival este venres 1 de outubro en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Footters), advirte que "vén de remontar un partido complicado. Nós vimos desta derrota, pero cunha boa dinámica. O equipo está a desexar que chegue o partido. Vai ser difícil cando un equipo vén con ese chute de emoción, de remontar un partido, de darlle volta; pero tentamos mirarnos moito máis a nós, como podemos facer dano e como podemos contrarrestar as súas virtudes. Estamos a traballar desde xa niso e esperamos poder levalo a cabo o venres".