RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Laura e Erika amadrinan a quenda dos venres do mes de maio na Escola RC Deportivo

Dúas xogadoras do Dépor ABANCA, Laura e Erika, clausuraron esta tarde a quenda dos venres do quinto mes da Escola RC Deportivo, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña na Grela.

En total 34 nenos e dúas nenas, Marta e Casilda, recibiron esta tarde a visita das dúas futbolistas branquiazuis recentemente ascendidas á Primeira División do fútbol feminino nacional.

Laura e Erika contáronlles aos nenos e nenas, sentados nun semicírculo no centro do campo, a súa experiencia esta exitosa temporada e insistíronlles en que "con traballo todo chega".

Na quenda de preguntas, os alumnos da Escola RC Deportivo interesáronse pola traxectoria de Laura e Erika no mundo do fútbol e polos goles marcados por ambas, entre outras curiosidades.

Do mesmo xeito que o pasado mércores Teresa Abelleira, Laura recoñeceu que poder xogar en ABANCA-RIAZOR é "incrible".

Antes de asinar autógrafos a todos os participantes en postais, camisetas e zapatillas, Laura e Erika entregaron os diplomas aos 13 alumnos que non repiten en xuño e, por conseguinte, finalizan este mes de maio as clases.

A Fundación Real Club Deportivo puxo en marcha en xaneiro esta actividade que vai máis aló do concepto DéporCampus Cabreiroá que se desenvolve no verán, semana santa e Nadal. O seu principal obxectivo é complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Nela trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

As familias de todos os nenos e nenas participantes recibirán nos próximos días no seu correo electrónico unha avaliación a cargo dos técnicos do RC Deportivo de cada alumno.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible nesta ligazón.