RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisinho: "Temos un cadro máis que suficiente para facer unha temporada moito máis tranquila"

Luisinho indicou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "temos un cadro máis que suficiente para facer unha temporada moito máis tranquila".

Agora ben, advirte que "agora só depende de nós. Nós somos os que estamos no campo, somos os que temos que dar a cara polo Club".

Sobre o punto conseguido en Valencia o pasado sábado, lamentouse de que "co discorrer do partido puidemos sacar o tres puntos. Sabiamos, iso si de antemán, que era un partido difícil".

Opina que este parón ligueiro "vén ben para reflexionar, para traballar cousas que non se conseguiron nestes dous partidos. Hai que traballar forte esta semana e preparar este partido tamén difícil ante a Real Sociedad".

O xogador máis veterano no cadro despois de cinco temporadas no equipo, a pregunta dos medios de comunicación, aclarou porqué non é el un dos capitáns do equipo: "Non fun elixido. Cando non es elixido, ¿que vas facer? Eu levo aquí cinco anos, son o xogador máis antigo, e faiche ilusión polo tempo que pasaches aquí, polos malos momentos, polos bos momentos. Faiche ilusión ser capitán. Pero se non es elixido, non vas coller unha arma aos teus compañeiros ou a quen elixe. É un asunto pechado para min".

Aproveitou Luisinho a súa comparecencia pública para mandar unha mensaxe de apoio a Carles Gil: "Está ao pasar mal. Unha lesión é sempre negativa para calquera xogador. E máis el que estaba a piques de adestrar co equipo. É triste volver parar. Moito ánimo para el. Estamos aquí para o que el necesite. Espero que volva con maior forza".

Confesou que as cousas da súa renovación "están ben encamiñadas. Xa chegará o momento de ampliar o contrato".

Non cre que o equipo estea verde para competir despois do visto nestas dúas xornadas: "Son dous partidos distintos. O primeiro contra o Real Madrid sabiamos que ía ser un partido difícil. Non nos imos a enganar a nós. Contra o Levante tampouco era fácil. Agora, despois do devir do partido, si que podiamos facer algo máis. Somos conscientes de que non xogamos ben en Levante, regalamos o partido desde o primeiro ao último minuto. Sacamos un punto que non é malo. Hai que traballar para que non volva suceder".

Dous partidos de Liga e titular no lateral zurdo, agradeceu o portugués a confianza de Pepe Mel: "O míster sempre me transmitiu confianza desde o primeiro día que chegou aquí. Sentes que tes a confianza do adestrador e as cousas vanche saíndo. Pero non te podes relaxar. O posto non é de ninguén. Hai que traballar día a día. Se non xogo eu pode xogar outro e pode facer o mesmo ou igual que eu".