RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luisito, na súa presentación: "Os xogadores do Fabril son bastante mellores do que a clasificación reflicte"

José Luis Míguez Iglesias, "Luisito", foi presentado esta tarde na Cidade Deportiva de Abegondo como adestrador do Fabril até o final desta temporada.

Carmelo del Pozo, Director Deportivo, explicou que "a idea é que o equipo necesitaba un cambio en todos os aspectos. É un equipo de formación de rapaces que necesitan un impulso. Entendía que Luisito era a persoa idónea".

Confesa que sente satisfeito "con que viñese e que me compita a partir do partido do Burgos CF. Isto é semana a semana. Mirar máis aló é perder o obxectivo a curto prazo".

Subliña Carmelo que "se merecía adestrar a un equipo de fútbol profesional que non tivera a fortuna de conseguilo despois de moitos anos de traballo. O momento era agora. As oportunidades aparecen e hai que aproveitalas".

Luisito quixo dar as grazas en primeiro lugar ao "Presidente, ao Consello de Administración por pensar en min nesta situación. E a Carmelo, que foi o que apostou por min".

Conta que a negociación foi moi rápida. "Con quen falei foi con Carmelo e chegamos a un acordo rápido porque el pensaba que había que tratar de facer todo o posible para gañar o domingo ao Burgos CF e aquí estou, encantado", engade.

Advirte Luisito que "máis ilusión que a que teño eu non a ten ninguén. E esa ilusión téñolla que transmitir aos xogadores. Son bastante mellores do que a clasificación reflicte. E iso haino que demostrar. Se eles non están ilusionados de estar nun Club como o Deportivo, non me valen".

Iso si, admite que lograr a salvación case é unha heroicidade: "Son un tío valente, o fun toda a vida. Non me dá medo ningún. Na vida todo é posible. Se hai vida, hai esperanza. Hai que querer, crer e poder".

Insiste en que "estamos a representar a un Club de moitísimo nivel non a nivel español, a nivel europeo. Os xogadores están a un paso de ser futbolistas dun equipo dun nivel incrible. E iso é o que eles teñen que valorar. Se un futbolista do filial do Deportivo non ten ilusión, a min non me vale".