RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "Ante o UDG Tenerife a motivación non vai ser necesaria. Apelaremos ao orgullo das futbolistas"

Manu Sánchez, técnico do Deportivo ABANCA, recoñeceu en rolda de prensa, en relación ao gran inicio ligueiro do seu equipo, colíder da categoría, que "non creo que ninguén soñásemos algo así. Sabiamos que ía ser difícil, e aínda o vai a ser. Está un pouco superando as expectativas que tiñamos".

Apunta o adestrador branquiazul como segredo do éxito o feito de que, por exemplo esta mesma tarde, a pesar de ser sometidas a unha malleira a cargo de Lucía Piñeiro, preparadora fìsica, "o sorriso non se lles borra da cara. É o noso maior valor. Sobre o traballo e o talento que haxa multiplicámolo coa ilusión que temos".

Tamén co bo arranque do Deportivo ABANCA B en Primeira Nacional, advirte Manu Sánchez que "as portas están entreabiertas para que algunha poida entrar. E así está a ser. Estamos moi contentos".

Do partido do próximo domingo 22 de setembro en Abegondo ante o UD Granadilla Tenerife (12:00 horas), subliña que "a motivación non vai ser necesaria porque imos apelar ao orgullo das futbolistas que senten este escudo e saben que o Granadilla veu aquí e levou a nosa Torre. Aínda que sexa dunha forma virtual, imos tentar recuperala".

Sobre o conxunto insular, explica que "non tivo seguramente o arranque de liga esperado para elas. Co cambio de adestrador cambiaron moitas rutinas de funcionamento e o modelo de xogo que tiñan o ano pasado. Custaralles un pouco máis adaptarse. Esperemos que tarde unha semana máis".

Precisamente do citado Trofeo Teresa Herrera do pasado mes de agosto entre ambos os equipos, indica o técnico deportivista que "foi o aviso fundamental da nosa pretemporada. Desde o corpo técnico e a dirección deportiva sabiamos que a gran diferencia respecto ao ano pasado sería esa, a física. O talento e as virtudes das nosas xogadoras son propias desta categoría, con toda a humildade. Pero sabiamos esa dificultade física e estábanos custando transmitir iso ás xogadoras. Ese partido foi unha labazada de realidade para elas e a partir de aí co traballo da xente do Club esa diferenza vaise a ir reducindo bastante, xa se está reducindo. E o domingo non debería de ser tal".

Mostrouse sorprendido esta campaña do ambiente de Abegondo no primeiro partido ligueiro ante o RCD Espanyol, que "fixo espertar ás xogadoras" e o feito de que "o equipo creu máis no que era capaz de facer". Espera agora a mesma resposta "cando cheguen os resultados negativos, que chegarán", avisa.

Nesta liña, lembra Manu Sánchez que "sería un pecado pola nosa banda que, tendo xogadoras como as que temos, entrásemos nunha batalla corpo a corpo nos partidos. Este equipo está feito para xogar ao fútbol dunha forma determinada, non digo que sexa mellor ou peor, pero é a que temos, a que nos trouxo até aquí. Romper iso sería traizoar un pouquiño a nosa idea. E elas cren niso. É o camiño a seguir. Eu en pretemporada díxenllo, a nosa idea era esta e imos ver se eramos capaces de desenvolvela en Iberdrola. E creo que si estamos a ser capaces".