RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez cre que o Dépor ABANCA deixa a Primera Iberdrola "coa cabeza alta" e mantén que "o fútbol foi inxusto connosco"

Manu Sánchez puxo o punto e final á temporada do Deportivo ABANCA cunha última rolda de prensa en Abegondo.

O técnico deportivista destacou despide a campaña con sensacións "excelentes. Acabar a temporada ante un histórico como o Athletic Club, cun partido máis que digno, dá boas sensacións. Elas merecíano, acabar en Abegondo con #ANOSAFORZA e cun partido redondo como este".

En canto á liga, mantén que "o fútbol foi moi inxusto connosco. Agora toca traballar, facer moita autocrítica que levamos facendo desde toda a temporada. Xa coñecemos desde dentro o que fixemos mal, antes de arrancar. Son temas internos que sobre todo Pablo (Pereiro) e eu coñecemos de primeira man. Fomos tentando corrixir a golpe de corazón máis que de cabeza. Nese sentido tentar que non volvan suceder. Hai cousas que non están na nosa man".

Sostén que o Dépor ABANCA deixa a Primera Iberdrola "coa cabeza moi alta. Esta semana falei coas xogadoras e díxenlles que no mundo do fútbol hai éxitos, hai fracasos. Todos o sabemos. Pero é moi difícil ter transcendencia. E penso que este equipo conseguiu iso, tanto no ano do ascenso como o do ano pasado. E eses froitos recollémolos este ano porque o respecto e o agarimo que recibimos de todos os equipos da primeira categoría, mesmo do estranxeiro, é para subliñar non o que fixemos, senón como o fixemos. Acaba unha bonita historia en Primeira División".

Co debut hoxe na máxima categoría do fútbol español doutra canteirá, Marta Rico, Manu Sánchez lembra que "o papel da canteira feminina para nós foi sempre moi importante. Este equipo cimentouse sobre a súa propia canteira. Empezamos este proxecto con nenas de 15 e 16 anos. E todos os anos demos continuidade a ese traballo. Todas as temporadas que levamos promocionáronse futbolistas. Estou moi orgulloso da xente que traballa connosco, con Aitor coordinando todo o que é o fútbol base, Kevin (Cabado)... E con todas as nenas que temos aquí traballando, coa canteira do Orzán, xente que ha ir promocionando. Onte mesmo o Orzán proclamábase campión galego infantil por terceiro ano na historia. Ese traballo está aí, presente. Ímolo a potenciar, como o potenciamos este ano, que creo que é o ano que máis apostamos pola canteira. Non son só aparicións e debuts, como pode ser o de Marta, Tati ou Sara; senón unha presenza consolidada como Eva Dios".

En Reto Iberdrola, o adestrador branquiazul advirte que o obxectivo "debe ser volver a Primeira División. Outra cousa é que me fagas esta pregunta o 4 de setembro, ao empezar a competición. Hai que saber os plans da Federación Española para as competicións: se se crea esa competición intermedia, se hai outra vez catro descensos en Primeira... O noso obxectivo é volver tentar estar en Primeira. Non sabemos se o noso sitio é Primeira. Se isto vai a unha competición profesional de só 14 equipos, o tema económico condiciona todo. Serán 14 equipos que aposten de verdade ou que teñan posibilidade de apostar. Se nos metemos nese grupo, é o obxectivo. A ilusión témola".