RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez: "O equipo é consciente da realidade que temos e do que nos xogamos nos próximos partidos"

Manu Sánchez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, de cara á visita do Valencia CF Femenino a Abegondo de mañá domingo 25 de abril (12:00 horas, LaLiga Sports TV), o equipo "está ben, está animado. É consciente da realidade que temos e do que nos xogamos nos próximos partidos. Iso é o máis importante, que estea comprometido coa situación e co obxectivo. Nese sentido non hai ningunha queixa. Hai que recoñecer o esforzo destas rapazas porque ao final hai recuperacións en tempo récord... É importante que estea a xente dispoñible para axudar ao equipo. Non hai dúbida con elas".

Do rival, destaca o técnico coruñés que está "moi ben traballado. A min gústame bastante. Non tivo a fortuna necesaria en moitos partidos para ter unha clasificación máis adecuada ao que están a demostrar no campo. Asumen este treito final da temporada coa tranquilidade de ter a permanencia na man".

Este tipo de equipos "son perigosos porque nunca sabes no mundo do fútbol se esa tranquilidade vai ser boa ou non porque fortalece esa seguridade, esa confianza no grupo. E pódenche saír mellor as cousas que cando estás apertado. É un bo equipo, ben traballado, con moita mocidade, un proxecto reiniciado con xogadoras que teñen moito que dicir nesta Primera Iberdrola nos próximos anos con outras xa contrastadas que fan unha mestura perfecta de experiencia e mocidade. É un equipo aguerrido que vai vir a gañar. Temos que tratar de contrarrestar".

Manu Sánchez apunta que o último partido disputado polo Deportivo ABANCA en Abegondo, ante o Real Madrid, "é o espello onde mirarse. Moi poucos equipos nesta liga son capaces de someter ao Real Madrid como conseguimos facer en moitas fases do partido. Naquel partido o Real Madrid tivo que recorrer aos pelotazos longos para tentar facernos dano. Conseguimos presionar e roubar moi arriba, xogarlle con intelixencia, mover ben o balón. Xa viñamos doutro partido interesante como foi o do Rayo; e no de Logroño, que non foi televisado, o resultado non reflectiu o que sucedeu no campo".

Ademais, mostrouse "moi orgulloso do que fixo o equipo en Barcelona. Tentamos á nosa maneira, e coas nosas limitacións, ser valentes e tentar facer certas cousas que con todos os problemas que levabamos e ante todo un FC Barcelona creo que nos serviu para moito. A xente dirá que estou tolo de falar isto cun 9-0, pero témolo claro no vestiario, no grupo. Penso que nos reforzou como equipo. Verémolo mañá".