RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manu Sánchez queda coa "reacción espectacular" tralo descanso aínda que lembra que "seguimos aí abaixo"

Manu Sánchez apuntou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o encontro desta tarde en Abegondo do Deportivo ABANCA fronte ao Levante UD "é un partido con dúas caras. Preparamos dous plans de partido dependendo de como ían as cousas. Ante un rival da entidade do Levante tiñamos que tratar de buscar as nosas opcións após perdas delas, xerar situacións de roubo en zonas que nos interesaban. Hoxe estivemos bastante ben até o gol. Despois descompuxémonos un pouquiño. Até o descanso aguantamos ben pero xa non tiñamos esa consistencia como equipo".

Tralo paso polos vestiarios, o técnico deportivista mostrouse "moi orgulloso do equipo, das xogadoras porque é duro chegar a un vestiario no descanso, coa situación que temos na clasificación e con 0-2 en contra dicirlles que imos arriba, que imos a por elas. A reacción foi espectacular. Ata que conseguimos facer o gol (o 1-2 provisional) metémolas no seu campo. Unha pena porque tiñamos eses 7 ou 8 minutos despois de marcar para tentar o empate e nunha falta lateral fóronsenos as ilusións ao traste. E aínda así até o desconto o equipo seguiu pelexando arriba. Voume orgulloso, moi contento. Pero a realidade é que seguimos aí abaixo".

O adestrador branquiazul lembra que na rolda de prensa previa ao choque "dicía que o equipo non estaba tan mal como parecía. O visto hoxe no campo é un reflexo diso que comentaba. Seguiremos loitando, seguiremos movendo, reforzando, tratando de atopar o mellor camiño para que elas consigan levarnos á vitoria".

Finalmente, sobre o mercado de inverno que se pecha mañá luns, Manu Sánchez indicou que "Pablo Pereiro está a traballar arreo nese sentido e o Club téntanos dar toda a axuda que pode. A situación é complicada pero temos a esperanza até mañá de que poida aparecer algo, máis que nada pola cantidade das xogadoras. Estamos moi contentos coas xogadoras que temos pero mellorar ese número sería importante".

Nese sentido lembra "o gran traballo que se está facendo no equipo B. Hoxe debutou unha xogadora máis (María Figueroa), e ademais moi ben. Se vén algo nos axudará e se non tiraremos co que hai. Pero non será ningunha escusa para non pelexar".