RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mel: "Regalar media hora nun partido así é dar vantaxe"

O adestrador do RC Deportivo, Pepe Mel, exteriorizou o seu desgusto porque considerou que o seu equipo se permitiu "o luxo de sestear durante a primeira media hora" fronte ao Granada CF e espera que iso cambie o sábado en Sevilla, onde desexa que o equipo demostre "o que se está xogando".

"Hoxe era o día e creo que nos permitimos o luxo de sestear durante a primeira media hora. Non era ese o plan, non era o que queriamos facer. Non entendo por que. Non estivemos no partido. Regalar media hora nun partido así é dar vantaxe", aseverou o preparador branquiazul.

Por contra, quixo ter boas palabras para o despregamento dos seus pupilos tras o paso polos vestiarios. "Da segunda parte voume máis satisfeito, fomos dominadores, o Granada non nos creou nada, aínda que é certo que non nos creou nada en todo o encontro", afirmou.

Sobre os problemas para ver porta, Mel considerou que "levamos tres partidos fallando ocasións moi claras. Xeramos para facer goles, por tanto a miña preocupación é menor, porque o problema sería que non chegásemos a portería".

Os penaltis fallados tamén foron motivo de explicacións por parte de Pepe Mel. "Nunca me pasou algo así. Levar sete partidos e fallar tres penaltis. E este podía ser definitivo para nós. Agora teriamos os mesmos problemas, pero diferente cara", comentou antes de dicir que "non é unha acción que pasemos por riba, adestrámola. Tiramos penaltis todos os venres e todos os sábados. E metémolos todos. De todos os xeitos, oxalá nos sigan pitando penaltis".

Sobre o partido do vindeiro sábado, o adestrador deportivista foi rotundo. "Se en Sevilla saímos como a primeira media hora de hoxe, non teremos nada que facer", ao que engadiu que "a todos os equipos cústanos gañar nos finais de temporada, pero quero que este equipo demostre en Sevilla o que se está xogando, porque hoxe só vin o que se estaba xogando no minuto 46".

Pola súa banda, Lucas Alcaraz, técnico do Granada CF, mostrou a súa decepción co empate logrado en Riazor, ao afirmar que "é un punto máis, pero hoxe necesitabamos gañar".

"O equipo sufriu pouco, pero tamén é certo que xeramos poucas situacións de perigo. Fóra de casa está a custarnos un mundo, hoxe é a primeira vez que deixamos a nosa portaría a cero", lembrou Alcaraz.