RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Novo reto para o Dépor ABANCA en céspede artificial e ante un Sporting Huelva que acariña a permanencia

O Deportivo ABANCA visita ao Sporting Huelva mañá domingo 23 de maio ás 12:00 no campo de fútbol de La Orden, en partido correspondente á 31ª xornada na Primera Iberdrola. O campo, de herba sintética, non debe ser obstáculo para as branquiazuis, tal e como manifestou onte venres Esther Sullastres na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR: "Este ano están dándose ben os campos artificiais. Sumamos en Eibar facendo bo partido... Hai que ir mentalizadas en facer o noso. E xa está".

Despois do partido do pasado mércores en Madrid, toca un novo desprazamento para as deportivistas nunha frenética semana que empezou de maneira notable, co empate na Ciudad Deportiva Wanda Alcalá de Henares ante o Atlético, un dos poderosos da competición.

Manu Sánchez, que recupera a Stephannie Blanco após cumprir ante o Atlético de Madrid o seu partido de sanción, ten as únicas baixas de Carolina Arbeláez, lesionada; e Carlota, con gripe. A maiores, o técnico do Dépor ABANCA citou á canteirá Eva Dios; ademais de Patri López, en dinámica do primeiro equipo desde principios de temporada.

En fronte estará un rival, o Sporting Huelva, que podería deixar atada a permanencia esta xornada cunha vitoria. Esther Sullastres espera por conseguinte "xogo directo. O campo é moi pequeno, artificial. De todas as maneiras é un campo artificial novo. Elas teñen claro o seu xogo, son fortes en casa. Levan moitos meses sen perder no seu campo. Hai que aproveitarse do momento. Nós imos moi necesitadas e elas están a tres da salvación, e quédalles un calendario relativamente alcanzable".

O Deportivo ABANCA adestrouse esta mañá en Abegondo e viaxa a continuación a Huelva, segundo esta folla de ruta:

Sábado 22 de maio
13:30: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez
16:05: Saída do voo do Aeroporto de Madrid - Adolfo Suárez con destino ao Aeroporto de Sevilla
17:15: Chegada aproximada a Sevilla e traslado ao Hotel by Marriott Huelva

Domingo 23 de maio
12:00: Sporting Huelva - Deportivo ABANCA, no campo federativo de La Orden
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña