RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA estréase mañá domingo en liga lonxe de Abegondo coa visita á CE Seagull de Barcelona

O Deportivo ABANCA estrearase en Reto Iberdrola lonxe de Abegondo mañá domingo ás 12:00 coa visita á CE Seagull no Municipal de Badalona. O partido corresponde á 2ª xornada na Segunda División do fútbol feminino español.

O pasado xoves en rolda de prensa, Patri López, unha das capitás do equipo, alertaba do nivel competitivo das catalás e do céspede artificial do terreo de xogo de Badalona, "ao que non estamos afeitas", engadía a carrilera galega.

A CE Seagull arrincou a liga con derrota pola mínima ante o Atlético de Madrid B (1-0) e buscará inaugurar o seu marcador de vitorias.

Despois do último adestramento de hoxe sábado, Miguel Llorente facilitou a lista de convocadas, da que caen por lesión Laura Fernández, Andrea Sierra e María Sampalo. Por contra, a novidade é o regreso de Carlota, unha vez superadas as súas molestias nun xeonllo. A meta Reigosa e Aroa Guerra, ademais da citada anteriormente Carlota representan a #ANOSACANTEIRA nesta citación.

#ANOSAFORZA estará representada a recado nas bancadas do Estadio Municipal de Badalona. A entrada de público custa 5 euros e poderase adquirir mañá mesmo no estadio catalán.

O Dépor ABANCA viaxa esta tarde a Barcelona en voo directo desde o Aeroporto da Coruña. A folla de ruta do conxunto branquiazul é a seguinte:

Sábado 11 de setembro
18:20: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino Barcelona
20:05: Chegada aproximada a Barcelona e traslado ao hotel Exe Barberá Parc, en Barberà do Vallès

Domingo 12 de setembro
12:00: CE Seagull - Deportivo ABANCA, no Estadi Municipal de Badalona
20:20: Saída do voo de Barcelona con destino ao Aeroporto da Coruña
22:10: Chegada aproximada ao Aeroporto da Coruña

Finalizado o choque, o equipo deportivista adestrarase de novo o luns 13 de setembro ás 17:00 en Abegondo.