RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA recupera a Laura Fernández para recibir mañá en Abegondo ao Sporting de Gijón

Despois dunha semana de descanso debido ao parón ligueiro polos compromisos das seleccións nacionais, o Deportivo ABANCA retorna á competición coa visita do Sporting de Gijón a Abegondo prevista para mañá sábado 25 de setembro ás 17:00 horas. O encontro corresponde á terceira xornada no grupo norte de Reto Iberdrola.

Miguel Llorente restou importancia en rolda de prensa ao descanso obrigado que tivo o equipo a pasada semana despois de dúas vitorias nas dúas primeiras xornadas ligueiras (en Abegondo ante o FC Barcelona B e en Badalona fronte á CE Seagull): "Nin o vexo ben nin o vexo mal. Sinceramente, nin o pensei. Se vén un descanso por seleccións aproveitámolo e se se pode dar algún día de festa será para que todos esteamos preto dos nosos e podamos desconectar; e se non hai parón seguimos adestrando e sen problema ningún".

Na lista de convocadas para recibir ao Sporting de Gijón figura Eva Dios, que se reincorporou o pasado mércores aos adestramentos en Abegondo após o seu paso pola selección española sub-20; e Laura Fernández, xa recuperada da súa lesión muscular que lle impediu até a data debutar en liga.

Por contra, caen da citación de maneira forzosa as lesionadas Andrea Sierra e María Sampalo. A gardameta Reigosa será a representación do Deportivo ABANCA B na lista facilitada este mediodía por Miguel Llorente.

O Sporting chega á Cidade Deportiva con algo máis de urxencia despois de dúas derrotas nas súas dúas primeiras citas: 3-0 en Pamplona ante o CD Fundación Osasuna Feminino e 1-2 en Xixón ante o Atlético de Madrid B.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web: https://bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos, só separados polas distancias de seguridade.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación en atención á normativa sanitaria de seguimento da COVID-19.

Dada a limitación de localidades dispoñibles, o Real Club Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforo nun proceso 100% telemático.

A xestión pode realizarse até completar o aforo. As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até o venres 24 ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese aforo aínda dispoñible, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en https://bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

O RC Deportivo quere lembrar a #ANOSAFORZA que mañá en Abegondo todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID, cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños), respectando en todo momento a distancia de seguridade nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA descansará o luns 27 de setembro e regresará aos adestramentos o martes 28 ás 17:00 horas en Abegondo.