RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA refúxiase no fortín de Abegondo para derrotar ao RCD Espanyol

O Deportivo ABANCA encoméndase a #ANOSAFORZA e ao fortín de Abegondo para lograr a vitoria ante o RCD Espanyol mañá sábado 15 de maio (16:00 horas, Gol).

As deportivistas, con 21 puntos, mídense a un rival directo na loita pola salvación, un RCD Espanyol que ten 24. O Real Betis, con 27, é o equipo que marca agora mesmo a permanencia na Primera Iberdrola.

Manu Sánchez poderá contar con todo o seu cadro salvo Carolina Arbeláez, lesionada.

O técnico coruñés incluíu na citación ás canteirás Eva Dios, María Figueroa e Tati; á marxe de Patri López e Carlota, en dinámica do primeiro equipo desde principio de temporada.

A capitá Iris Arnaiz recoñeceu onte en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR que a Cidade Deportiva "é o noso pequeno fortín. Desde que hai público os resultados foron moito mellor para nós e nótase. O día do Valencia CF foi incrible, o do Madrid CFF tamén. Incluso o do Huelva que gañamos en casa foi grazas a #ANOSAFORZA. Esta fin de semana ten que ser unha pota exprés. Necesitamos á afección, necesitamos que aperten porque nós o imos a facer. Entre todos imos conseguir a vitoria, que é o que quere todo o deportivismo e o que queremos nós".

Neste sentido o Club lembra que todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19.

Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá pasar un control de temperatura, hixienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños. Non haberá servizo de bar nin está permitido introducir e consumir alimentos ao interior da Cidade Deportiva), respectando en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA ten o domingo xornada de descanso. O equipo branquiazul regresa aos adestramentos o luns 17 de maio, día festivo, ás 10:30.