RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA suma nunha batalla sen tregua (0-0)

O Deportivo ABANCA sumou un punto na visita da SD Eibar a Abengondo, despois de 90 minutos sen goles, pero de batalla sen tregua, sen respiro, repleta de intensidade e de pelexa por ambos os bandos.

A primeira metade deixou escasas ocasións de gol. A primeira produciuse no minuto 8, na área deportivista, cando Ane Pérez peiteou unha falta lateral e a súa cabezada bombeada sacouna Sullastres cando parecía que se coaba na portería coruñesa.

O Dépor ABANCA dispuxo de numerosas accións a balón parado, córner ou faltas laterais, para tratar de levar un perigo que nos primeiros 45 minutos non puido provocar mediante accións trenzadas. Mediado o primeiro tempo, a costarriqueña Blanco lanzou desviada unha falta lonxana, pouco antes de que Gaby, en posición forzada pero desde moi preto da portería, rematase a mans de Noelia un centro de Cris.

A pelexa en mediocampo foi tremenda. Cada balón disputouse coma se fose o último e a ningún dos dous equipos preocupoulle facer falta, iso si, sempre en enfrontamento limpo.

Na segunda parte, os ataques impuxéronse un pouco máis aos férreos sistemas defensivos. Blanco cabeceou desviado un córner aos poucos minutos de retomarse o xogo e, case de inmediato, a surafricana Kgatlana disparou á dereita do marco branquiazul na segunda xogada dun saque de esquina.

Tamén o probaron ambas as formacións con disparos lonxanos. Primeiro, Carla disparou con moita forza, pero desde moi lonxe, facilitando así o labor a Sullastres. A resposta coruñesa non se fixo esperar pero a volea da colombiana Lady Andrade desde o bordo da área foise por riba do traveseiro.

Unha das mellores accións individuais do partido protagonizouna, no minuto 66, a dianteira deportivista Peke. A máxima goleadora branquiazul desbordou ao seu par polo extremo esquerdo, gañou a liña de fondo e desde alí deixou a pelota para a chegada de Alba Merino. O dereitazo da estremeña estrelouse contra o pau dereito do portal eibarrés, con Noelia totalmente batida.

A SD Eibar si atopou o fondo das mallas coruñesas, nunha rápida acción da velocísima Kgatlana. Pero como quedou claro nas imaxes de televisión, a surafricana atopábase en posición de fóra de xogo no inicio da xogada.

Un roubo de Athenea na saída do balón da tamén surafricana Noko Matlou provocou un libre directo na media lúa da área visitante. Lady asumiu a responsabilidade. O seu tocado lanzamento superou a barreira pero Noelia conseguiu despexar o coiro nunha gran estirada. Corría o minuto 71.

Dez despois, Athenea marchouse de todas as súas rivais polo extremo dereito, cedeu ao centro para Peke pero cando a dianteira deportivista ía fusilar a Noelia, anticipouse milagrosamente Ane Pérez para despexar a pelota.

A SD Eibar dominou nos últimos minutos, pero a pesar de que dispuxo dalgúns saques de esquina non xerou oportunidades dignas de mención, polo que o encontro concluíu co empate sen goles inicial.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Iris Arnaiz, Blanco, Villegas, Alba Merino (Kika, min. 87), Ainoa, Gaby, Lady, Athenea e Peke (Michelle, min. 87).

SD Eibar: Noelia, Carla, Ane Pérez, Matlou (Jujuba, min. 74), Jimena López, Ruth, Sheila, Mar, Llompart, Kgatlana e Arola (Sara Navarro, min. 74).

Árbitra: Cebollada López (c. valenciano). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 41), Kgatlana (min. 60), Matlou (min. 69), Athenea (min. 72) e ao técnico visitante Iker Dorronsoro (min. 89).

Incidencias: partido da 20ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo a porta pechada debido á pandemia de COVID-19.