RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor de Borja Jiménez ponse en marcha

O Deportivo de Borja Jiménez púxose en marcha esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo, con 49 días por diante e varios amigables incluídos antes de arrancar a competición oficial na Primera RFEF, a fin de semana do 28 e 29 de agosto.

Como todas as mañás nas que haxa actividade, os futbolistas citáronse para almorzar ás 9:00 h nas instalacións da Cidade Deportiva.

Ás 10:30, o cadro saltou ao campo por primeira vez este verán. O céspede dos campos número 2 e 3, os habitualmente empregados polo primeiro equipo durante a temporada, están en tratamento, polo que a actividade dos deportivistas será esta semana no 4 e no 5.

Após unha charla duns minutos no centro do terreo de xogo a cargo de Borja Jiménez, os futbolistas tiveron un quecemento con rondos e roda de pases; e unha serie de exercicios con balón. Todo iso por espazo de case dúas horas.

Respecto das probas médicas e físicas da pasada semana, esta mañá incorporáronse Miku, Keko e Héctor Hernández, aínda que este último, ademais de Pablo Brea e Valín, estarán os próximos días con adestramento específico no ximnasio. O meta Alberto e Josep Calavera permanecerán nos seus respectivos domicilios con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos. Pola súa banda Fede Cartabia, Uche, Borja Galán e Rolan teñen permiso do Club.

Aos canteiráns Juan Rodríguez e Iván Guerrero hoxe sumouse ao adestramento o meta xuvenil Hugo Ríos.

Mañá martes o cadro adestrarase no campo a partir das 10:30 horas.