RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor encara a visita de mañá ao Real Unión de Irún con vinte futbolistas

O Deportivo afronta a visita ao Real Unión de mañá sábado 9 de outubro ás 17:00 horas (Footters) no Stadium Gal con vinte futbolistas, todos os dispoñibles

Quedan fóra por lesión Pablo Trigueros, Valín e Trilli, todos eles hoxe con adestramento específico. A este grupo uníuselle esta mañá Alberto Benito, cunha molestia nun aductor, pendente de avaliación médica nas próximas horas. "Temos o mal do lateral dereito", chanceou Borja Jiménez en rolda de prensa, en alusión a que tres do catro xogadores lesionados ocupan esa demarcación: Valín, Alberto Benito e Trilli. "Menos mal que fixemos moitas probas porque ao final está a ter que xogar case todo o mundo aí", engadiu. "O que non te mata faite máis forte. Poremos algún dos que estivemos utilizando estas semanas", concluíu.

O técnico deportivista aclarou que "Trilli non termina de atoparse cómodo en moitas accións do adestramento. Imos darlle máis tempo, a esperar máis semanas. Xa levamos un mes e pico desde que o mandamos coa selección e non puidemos contar con el. Esperemos que se recupere pronto".

De Alberto Benito confirmou que "se fixo dano nun aductor. Faranlle probas hoxe e veremos o alcance da súa lesión"; e sobre Valín, "segue co tema do seu aductor de hai dúas semanas", explicou Borja Jiménez.

Con Yeremay e o meta Alberto en dinámica do Fabril para o partido de mañá sábado (12:00 horas) en Abegondo ante o CD Choco, Noel é a representante de #ANOSACANTEIRA para este encontro en Irún correspondente á 7ª xornada de Primeira RFEF.

Na sesión desta mañá en Abegondo, despois dun quecemento e un roldo con finalizacións, Borja Jiménez dispuxo de fútbol en espazo reducido; un partido táctico a tres cuartas partes do Campo 2. O traballo concluíu cun repaso ás accións a balón parado.

O Dépor viaxa por estrada este mesmo mediodía e regresará após o partido. O cadro ten previsto adestrarse de novo na Cidade Deportiva o domingo 10 a partir das 12:30 horas.

Pola súa banda, o Real Unión de Irún, un dos históricos do fútbol español e da categoría, chega ao partido con catro derrotas consecutivas, dúas no Stadium Gal (ante CD Badaxoz e RC Celta B) e dous lonxe de Irún (fronte a Rayo Majadahonda e UD Logroñés). O seu último triunfo data do 5 de setembro fronte ao Real Valladolid Promesas (0-2), en partido correspondente á 2ª xornada.

Así pois, décimo quinto na clasificación con seis puntos, o seu técnico, Aitor Zulaika, pediu á súa afección que "mañá veña a empuxar"; á vez que eloxiou ao Dépor, ao que cualificou como "o SuperDépor de Primeira RFEF: ten cadro, afección, medios de comunicación, redes sociais..." Iso si, advertiu que "nós tamén somos de Primeira RFEF. Somos humildes, traballadores e queremos ser un club moderno".