RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor encara con todos os seus xogadores dispoñibles a visita da SD Logroñés desta noite a ABANCA-RIAZOR

O RC Deportivo afronta con 22 futbolistas, todos os dispoñibles, a visita da SD Logroñés de hoxe venres 1 de outubro en ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Footters), en partido correspondente á 6ª xornada en Primeira RFEF.

Borja Jiménez fixo pública a lista de convocados unha vez finalizada a suave sesión de activación desta mañá no Estadio, no que dispuxo vídeo, estiramentos, mobilidade e unha roda de pases.

Quedan fóra da citación os lesionados Pablo Trigueros, e os laterais dereitos Trilli e Jorge Valín. Onte, o técnico deportivista referiuse a eles na rolda de prensa oficial en ABANCA-RIAZOR. Do central subliñou que "vai ter para un tempo"; e de Trilli lembra que "vén de moitas semanas parado e aínda non termina entrenos co grupo".

Tamén falou precisamente sobre a demarcación do lateral dereito, a instancias dos medios de comunicación. Nunha posición na que empregou a varios futbolistas (Trilli, Alberto Benito, Lapeña, Víctor e Villares) no que vai de temporada, Borja resta transcendencia a estas variacións e opina que "con todos eses cambios gañamos tres partidos e perdemos un. Non creo que teña tanta influencia como podemos pensar. É un xogador máis, unha demarcación no campo que en función do que poñas darache máis profundidade, máis xogo dentro, máis consistencia defensiva... Niso vou elixindo. Entendo que a xente o vexa estraño".

E entre eles, destacou que un deles, Alberto Benito, que en Salamanca saltou ao céspede no transcurso da segunda metade, "é un xogador cun bo pé a nivel ofensivo. Levará 100, 200 partidos en Segunda A. Cando creamos que ten que ser o lateral porémolo".

Unicamente Noel será o representante de #ANOSACANTEIRA nesta citación; posto que Yeremay, habitual nas convocatorias de Borja Jiménez neste tramo inicial de liga, estará a disposición de Óscar Gilsanz no Fabril, que o domingo visita ao Polvorín FC en Terceira RFEF.

Pola súa banda, a SD Logroñés, oitavo na clasificación con oito puntos, preséntase en ABANCA-RIAZOR cunha única baixa, a do lesionado Jon Ander. Os rioxanos chegan á Coruña despois de remontar a pasada fin de semana no seu estadio das Gaunas un 0-2 ao CF Talavera. Ao final os puntos quedaron en Logroño (3-2) grazas aos goles de Sandoval, Soberón e Miguel Alegre.