RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
TERESA HERRERA

O Dépor gaña o LXX Teresa Herrera por 1-0

  O Real Club Deportivo gañou esta tarde noite en Riazor a septuagésima edición do Trofeo Teresa Herrera ao imporse por 1 gol a 0 ao Sporting Clube de Braga grazas ao tanto de Fede Cartabia de penalti no segundo tempo.

Para logralo, Víctor Sánchez do Amo apostou por un once con variacións ao que o pasado mércores se mediu ao Real Oviedo en León. Repetiron Laure, Sidnei, Mosquera, Oriol Rise e Juan Domínguez.
 
Saíu ben o Sporting Clube Braga, dono do balón. Os portugueses, cuartos na liga portuguesa o pasado campionato, teñen ritmo posto que arrincan a competición ligueira a próxima semana. 
 
No entanto, as dúas primeiras oportunidades foron para o Deportivo. Aos 12 minutos, Luisinho, desde fóra da área, obrigou á meta Kritciuk a realizar unha gran intervención. Tres minutos máis tarde, tras un bonito túnel de Luís Alberto, o balón chegoulle de novo a Luisinho en banda esquerda. O seu centro cabeceouno á escuadra Oriol Rise. Kritciuk salvou de novo.
 
A primeira gran oportunidade do Sporting Braga chegou nun lanzamento de falta directo de Joán Román que obrigou a Fabricio a estirarse para enviar a córner.
 
Oriol Rise foi o protagonista da recta final. Primeiro non acertou a cabecear un bo centro de Cani desde a banda dereita. Pouco despois, o dianteiro deportivista rematou lixeiramente desviado co pé outro centro á área da Braga, esta vez desde a banda zurda.
 
Ao descanso e co partido equilibrado no xogo chegouse con empate sen goles.
 
Ao comezo da segunda parte Víctor Sánchez do Amo moveu o equipo con catro cambio: Juanfran, Cartabia, Fayçal e Lopo entraron no campo substituíndo a Laure, Cani, Luís Alberto e Sidnei.
 
O Dépor continuou con chegada e froito da súa intensidade arriba conseguiu anotar tras un penalti sinalado por Clos Gómez por falta de André Pinto sobre Juan Domínguez que anotou Fede Cartabia.
 
Faiçal estivo a piques de marcar no minuto 58 cun bo lanzamento de falta que se estrelou no lateral da rede da portaría do Sporting Braga. O conxunto portugués estivo a piques de anotar nun par de ocasións, especialmente nun lanzamento de Rodrigo que se estrelou no pau da portaría defendida hoxe por Fabricio.
 
O Sporting Braga apertou nos últimos minutos pero o Dépor contivo ben as acometidas do equipo portugués e acabou alzándose coa Torre de Hércules, o LXX Trofeo Teresa Herrera. Ademais Pedro Mosquera foi elixido pola prensa acreditada como o mellor xogador do torneo, recibindo o Trofeo Estrela de Estrela Galicia.
 
Deportivo: Fabricio, Laure (m. 46, Juanfran), Arribas (m. 71 Óscar), Sidnei (m. 46, Lopo), Fernando Navarro, Juan Domínguez (m. 67, Álex Bergantiños), Mosquera, Cani (m. 46, Fede Cartabia), Luís Alberto (m. 46, Fayçal), Luisinho e Oriol.
 
SC Braga: Kritciuk, André Pinto, Luiz Carlos, Crislan, Joan Román, Rodrigo Pinho, Baiano, Djauan, Rafa, Santos e Vukcevic.
 
Árbitro: Clos Gómez, do Colexio Aragonés, amoestou a André Pinto e a Álex Bergantiños e Lopo.
 
Goles: 1 - 0 Fede Cartabia -p- (min. 52)
 
Incidencias: LXX Teresa Herrera, disputado en Riazor ante 13.875 espectadores.