RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor retomou esta tarde os adestramentos co cadro dividido en dous grupos

Sen pasar 24 horas do partido de Copa do Rei de onte mércores no Estadio Gran Canaria, o Deportivo retomou esta tarde os adestramentos en Abegondo. O calendario de competición non dá tregua esta semana, e o sábado agarda o Sevilla no Estadio Sánchez Pizjuán (18:30 horas, Bein LaLiga), en partido da 14ª xornada de LaLiga Santander.

Despois do esforzo que supuxo onte case rozar a prórroga nas Palmas malia o 1-4 da ida do Estadio ABANCA-RIAZOR, Cristóbal Parralo dividiu ao seu cadro en dous grupos.

Os titulares onte tiveron un traballo de recuperación ás ordes do preparador físico José Anxo Franganillo, con carreira continua e uns estiramentos. A continuación, tocou pasar pola padiola de masaxe.

Para os demais futbolistas, incluídos os fabrilistas Óscar, Edu Expósito, Blas, Quique Fornos e Francis, o adestramento foi normal, cun quecemento, rondos, un exercicio de defensa-ataque e fútbol en espazo reducido.

Mañá venres, o Dépor adestrarase en Abegondo a partir das 10:30 horas.