RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo arrincou con ilusión a Temporada 21-22 esta mañá en ABANCA-RIAZOR

O cadro de técnicos e xogadores arrincou esta mañá a pretemporada 2021-2022 na bancada de Tribuna de ABANCA-RIAZOR con en un sinxelo acto de presentación ao aire libre pola complicada situación sanitaria derivada da pandemia de COVID-19.

David Villasuso, Director Xeral e Conselleiro do RC Deportivo, tomou a palabra en primeiro lugar para dar a benvida e desexar a todos os presentes "moita sorte, que será a sorte do Club tamén".

A continuación, Juan Giménez, adxunto á Secretaría Técnica, dirixiuse ao grupo nun breve discurso co obxecto de reiterar todo o apoio do Club a técnicos e futbolistas.

Finalmente, Borja Jiménez, adestrador do equipo, subliñou nas súas primeiras palabras ao cadro que "coa ilusión non se negocia".

Incorporouse ao grupo o canteirán Iván Guerrero, ademais dos seguintes futbolistas que xa estaban citados: Álex Bergantiños, Valín, Borja Galán, Claudio Beauvue, Pablo Brea, Gandoy, Fede Cartabia, Borja Granero, Salva Ruiz, Villares, Juan Rodríguez, Ian Mackay, Rafa de Vicente, Adrián Lapeña, Diego Aguirre, Menudo, Pablo Trigueros, Calavera, William de Camargo e Alberto Quiles. Diego Rolan, Keko Gontán, Héctor Hernández, Uche, Adri Castro e Alberto non estiveron presentes, con permiso do Club, así como Celso Borges, concentrado coa selección de Costa Rica.

Carlos Lariño, xefe dos Servizos Médicos do Club, indicou aos medios de comunicación que a actividade "empeza coas probas médicas como facemos todos os anos. Este ano facémolo aquí porque temos a colaboración de QuirónSalud, que nos permite facelas na súa rede de hospitais e na clínica de ABANCA-RIAZOR".

Explicou que as probas "van desenvolverse en dous días. O primeiro facémolo na clínica de QuirónSalud coas habituais: analítica sanguínea, electrocardiograma, medición de peso e pliegues, e unha exploración clínica básica. Os futbolistas novos están xa vistos grazas a QuirónSalud porque puidemos velos nas súas localidades de orixe".

Mañá venres 9 de xullo, a actividade continuará en Abegondo e "consistirá en probas máis de campo: test de salto e ver a condición física de cada un".

Lembrou o doutor Lariño que "estamos nun momento álxido de COVID-19 co cal todos van ter un test de antíxenos nada máis chegar á clínica porque pertencen a unha idade complicada agora, que é onde están todos os casos".

Se houbese algún positivo, os Servizos Médicos do Club seguirán os protocolos sanitarios establecidos pola Xunta de Galicia: "Se algún test de antíxeno dese positivo inmediatamente fariamos unha PCR e un illamento de 10 días. Ademais rastrexariamos todos os contactos, como vimos facendo todo o ano".

A continuación, detallou a situación médica de dous futbolistas: Pablo Brea e Jorge Valín. "A final de temporada tiveron intervencións cirúrxicas nun xeonllo e as cadeiras respectivamente. Pablo Brea está xa facendo traballo de campo, levamos con el todo o verán. Calculamos que nunha ou dúas semanas incorporarase ao grupo de forma normal. A Jorge Valín calcúlolle catro semanas máis para poder adestrar co grupo".

Así mesmo, Carlos Lariño confirmou que Héctor Hernández, ademais de Alberto, "está a acabar un confinamento por un virus que está de moda e o luns terémolo aquí".

O primeiro adestramento do cadro ás ordes de Borja Jiménez será o luns 12 de xullo a partir das 10:30 h. na Cidade Deportiva de Abegondo.