RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo comezou esta tarde en ABANCA-RIAZOR a preparar a visita ao Racing de Ferrol

Despois dunha longa viaxe de regreso desde Murcia que comezaba ás 5:00 da pasada madrugada primeiro cun tramo en autocar até Alacante e logo cun voo até Galicia con escala en Barcelona, o Deportivo comezou esta tarde a preparar a visita ao Racing de Ferrol deste sábado 4 de decembro na Malata (19:00 horas, Footters).

O cadro ao completo reuniuse en primeiro lugar na sala de vídeo, como é habitual sempre despois de cada partido.

A continuación, os titulares onte ante o UCAM Murcia CF realizaron tarefas de recuperación baixo a supervisión do readaptador, Álex Canosa: carreira continua e estiramentos no céspede; e masaxe xa no vestiario.

Para os demais xogadores, incluído o meta fabrilista Alberto, houbo unha tarefa de finalización e fútbol en espazo reducido.

Mañá venres a partir das 19:00 horas, o Deportivo realizará en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, un último adestramento de cara ao choque ante o conxunto ferrolán.