RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, após apertar un pouquiño máis durante a semana, inicia ante a RS Gimnástica unha serie de partidos ante rivais directos

Chega un dos momentos decisivos da temporada para o Fabril, que arrinca mañá domingo 17 de marzo ás 17:00 ante a RS Gimnástica de Torrelavega (Youtube RC Deportivo), con motivo da 27ª xornada, unha serie de partidos ante rivais directos no grupo 1º de Segunda Federación.

Ademais dos cántabros (decimosegundos na táboa con 31 puntos), os próximos rivais dos fabrilistas serán o Real Valladolid Promesas (9º con 33 puntos), UP Langreo (7º con 35 puntos), CD Cayón (16º con 23 puntos) e Coruxo FC (11º con 32 puntos). "Hai moitos equipos en moi poucos puntos e os partidos que nos quedan son contra rivais que están preto na clasificación", admitiu Óscar Gilsanz onte na rolda de prensa previa. 

O técnico fabrilista lembrou ante os medios de comunicación que "esta semana vimos de perder (en Vilalba o pasado sábado por 1-0) e sempre tes que apertar un pouquiño máis. Estamos súper contentos coa semana de traballo que fixeron os xogadores e con moitas ganas de que chegue o partido para trasladar esa sensación de bo traballo durante a semana".

Óscar Gilsanz conta coa baixa de Martín Ochoa nunha semana na que tanto o dianteiro rioxano como Diego Gómez selaron a súa renovación polo Dépor até 2028.

"Segue recuperándose dunha molestia muscular co cal está na última fase, pero un pouco verde. Está a adestrar a bo ritmo cos Servizos de Readaptación do Club. É unha situación difícil para un xogador que sae dunha operación. Esas molestias musculares fanche parar un par de semanas. Ese é o caso de Martín Ochoa", subliñou o preparador do filial.

Si está dispoñible Rubén López (na foto da noticia), após non xogar co primeiro equipo ante a CE Sabadell FC en ABANCA-RIAZOR.

O internacional Kevin Sánchez, que despois do partido ante a RS Gimnástica viaxa á concentración da selección española sub-19, Mardones e Manu Berrocal son os xuvenís citados.

Na primeira volta disputada o pasado 5 de novembro no Malecón houbo empate (2-2). O Fabril igualou en dúas ocasións grazas a Diego Gómez e Thymos.

A RS Gimnástica preséntase en Abegondo co reforzo anímico que supón derrotar ao Ourense CF (2-1).

Fóra de casa os cántabros gañaron ao Pontevedra CF (1-2), Real Avilés Industrial (0-1), Marino de Luanco (0-1), Real Oviedo Vetusta (0-2) e Arandina CF (2-3); empataron co CD Covadonga (2-2) e SD Compostela (1-1); e perderon co Ourense CF (2-1), Racing Villalbés (1-0), UP Langreo (1-0), CD Guijuelo (2-1) e Rayo Cantabria (2-1).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes de Abegondo para o partido.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

A xestión pode realizarse até completar o aforamento. 

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.