RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O fabrilista Adri Castro, novidade na lista do Dépor para visitar mañá domingo ao Marino de Luanco

O Deportivo encara coa novidade do dianteiro fabrilista Adri Castro a visita de mañá domingo 25 de abril ao Marino de Luanco, ás 17:00 (Footters) no campo de Miramar, en partido correspondente á cuarta xornada no grupo 1D de Segunda División B.

Quedan fóra da citación os lesionados Borja Galán, Derik Osede e Claudio Beauvue, este a consecuencia dunhas molestias nun xeonllo, pendente de avaliación médica nos próximos días.

Os branquiazuis lideran o grupo con 35 puntos, por diante do Racing de Ferrol (33 puntos), que esta tarde (18:00) visita ao UP Langreo; e do CD Numancia (31 puntos), que mañá domingo ás 12:00 recibe á SD Compostela.

Da importancia do partido referiuse Rubén de la Barrera onte venres en rolda de prensa en Abegondo, preguntado sobre o seu futuro no banco deportivista: "Agora o máis importante é o obxectivo deportivo que ten o Club. E a iso estamos. Falar doutras cousas non nos aliña co fundamental, que é gañar o domingo e se iso sucede e á súa vez danse outras circunstancias que permitan que iso sexa matemático fenomenal; e se non, ter a seguinte oportunidade o seguinte partido (ante o UP Langreo en ABANCA-RIAZOR); e se non, ir a Soria e confirmalo alí. Temos que estar preparados e iso pasa por prestarlle atención única e exclusivamente ao que é relevante e importante para todos. O fundamental é confirmar a presenza do equipo nesta categoría".

Tamén o Marino de Luanco, que non se xoga nada no envite, afronta no entanto o choque coa ilusión de recibir a un histórico do fútbol español. De feito, o pasado xoves facía referencia nas súas redes sociais á última visita do Dépor a Miramar, o 7 de novembro de 2001 con motivo da Copa do Rei: "Todo o pobo (5.300 habitantes), encheu o campo", apunta na súa conta oficial de Twitter. Un conxunto deportivista dirixido por Javier Irureta que aliñou a Naybet, Mauro Silva, Djalminha, Pandiani ou Víctor Sánchez, entre outros, no seu once inicial.

Esta mañá, na última sesión previa ao encontro, o técnico coruñés dispuxo un exercicio de defensa e ataque, unha tarefa de finalizacións e un partido para concluír.

Finalizado o choque en Luanco, o Deportivo adestrarase de novo o luns 26 de abril ás 10:30 en Abegondo.