RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O HC Liceo e os campións de Europa serán homenaxeados no Dépor-Granada

- Foto: @HockeyclubLICEO -

O RC Deportivo homenaxeará ao HC Liceo, recente campión da Supercopa de España, e aos coruñeses e liceístas campións de Europa coa selección nacional de hockey sobre patíns este mesmo verán, o vindeiro luns 24 de setembro durante o encontro correspondente á 6ª xornada de LaLiga 1|2|3 entre o cadro branquiazul e o Granada CF.

O cadro verdibranco realizará o saque de honra do partido con motivo da conquista da Supercopa de España, o pasado domingo en Reus ante o FC Barcelona. O conxunto coruñés, que acumula no seu palmarés 7 Ligas, 9 Copas do Rei e 6 Copas de Europa, logrou o título de supercampión nacional por segunda vez, tralo alcanzado hai dous anos.

Naquela ocasión, o Liceo, que ano tras ano segue loitando cos mellores equipos de España e de Europa, tamén recibiu o agarimo de todo o deportivismo. Os liceístas recibiron o aplauso da afección e un detalle por parte do RC Deportivo no descanso do choque disputado o 22 de setembro de 2016 fronte ao CD Leganés.

No descanso, os homenaxeados serán os liceístas e coruñeses que se proclamaron campións de Europa no torneo celebrado no Palacio dos Deportes de Riazor o pasado mes de xullo.

Eduard Lamas e Xavi Malián, xogadores do Liceo, e o coruñés Ignacio Alabart, xogador do FC Barcelona pero moi vinculado á historia do RC Deportivo, pois é neto de Antonio González, futbolista (1950-1951 e 1952-1953), xogador de hockey (1948-1951) e presidente (1965-1973) do RC Deportivo, conseguiron a medalla de ouro coa selección española no LIII Campionato de Europa disputado na Coruña.

Xunto a eles tamén será homenaxeado un coruñés de adopción, José Luis Huelves, que formou parte do corpo técnico da selección española como delegado. Huelves chegou en 1982 ao Liceo para defender a súa portería e xa nunca máis abandonaría A Coruña.

Por outra banda, o RC Deportivo anuncia que proximamente homenaxeará ás súas xogadoras e xogadores que alcanzaron títulos e subcampeonatos internacionais o pasado verán coas súas respectivas seleccións nacionais.