RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Real Club Deportivo, recibe premios da ONCE, a Xunta e AGAXEDE

- Foto: Marcos Míguez · La Voz de Galicia -

O Real Club Deportivo continúa recibindo recoñecementos polo seu labor institucional.

O pasado martes recolleu nun acto celebrado no teatro Colón un dos Premios Solidarios ONCE-Galicia, que se conceden a empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública aos que se recoñece a súa contribución solidaria na defensa e apoio da integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.

O Real Club Deportivo e o Real Club Celta levaron o premio na categoría de Empresa do ámbito da Economía Social, polas actividades solidarias que realizan conxuntamente. Os dous clubs deportivos galegos de elite levan tres anos traballando de forma conxunta en iniciativas sociais e accións inclusivas. Destacou o xurado iniciativas como a participación en LaLiga Genuine, unha competición que está formada por equipos do colectivo DEI (persoas con discapacidade intelectual). Celta e Deportivo, para formar estes equipos, subscribiron un convenio con varias asociacións do colectivo DEI. Ambos os clubs tamén participan habitualmente en partidos benéficos e en iniciativas solidarias dirixidas á infancia, aos maiores e os enfermos e aos máis desfavorecidos. Celta e Deportivo tamén promoveron a campaña Imposible sen ti, coa que pretenden dar visibilidade á unidade do futbol galego.

Unha campaña que nos últimos días tamén foi recoñecida pola Xunta de Galicia co premio publicidade en Galego 2016 na modalidade de televisión polo anuncio "Imposible sen ti", de Abanca Corporación Bancaria e Tex45 produccións. O secretario xeral de politica lingüistica, Valentín García Gómez entregou na sala de exposicións do Parlamento de Galicia o premio a Jorge Mahía, director de marketing de Abanca e Manuel López, de Tex-45, en presenza do director comercial do Club, Ignacio Martínez Dopico e a directora de marketing do RC Celta, Maruxa Magdalena Seoane.

Esta serie de recoñecementos completaranse mañá venres coa entrega ao presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, que recolleu tamén o galardón da ONCE, do VIII Premio á Xestión Deportiva de Galicia concedido por AGAXEDE (Asociación de Xestores Deportivos de Galicia). O acto terá lugar ás 20 horas no Centro Cultural “O Liceo” de Betanzos.