RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario asegura que non hai penalti e admite que en Ferrol "o equipo non estivo ben"

O capitán Álex Bergantiños e Adrián Lapeña pasáronse pola zona mixta da Malata.

Preguntado pola acción do penalti, o mediocentro coruñés asegura que "é unha acción normal do xogo. Salta diante miña e non sei se nos tocamos, pero cadeira con cadeira. En ningún momento hai un contacto meu que lle faga caer ao chan. O teatraliza ben, salta gritando. Se estes son penaltis, que sería o que nos fixeron a semana pasada a nós? Para min é desproporcionado. Logo non se se quixo arranxalo co rexeite".

Non quere deixar a imaxe de que "todo o determina o árbitro porque hoxe o equipo non estivo ben. Sabémolo. Sacamos un punto ante un rival que estivo mellor que nós. Somos autocríticos".

A circunstancia de que o colexiado fose cántabro "son casualidades incómodas tamén para el. Estamos arriba pelexando co Racing de Santander, pois sempre pode haber suspicacias con iso e é innecesario. Non será que non haxa árbitros na categoría que teñan nivel dabondo para evitar iso, que non haxa ningún tipo de suspicacia; igual que en Santander se molestarían se mandamos un árbitro da Coruña. Cousas evitables igual que o tema dos horarios coa Copa, que nos prexudicou tamén a xente que tiña os seus billetes sacados para viaxar en Nadal e cámbiannos de horario. Estraño todo, pero non está no noso control. Podemos manifestar o noso inconformismo pero nada máis".

Recalca que no partido "estivemos moi imprecisos. Non interpretamos nin sequera ben o partido de como nos presionaban eles. Con balón foi dos peores partidos do ano. Todo o equipo en xeral en accións sinxelas non estivo. Non se se nos afectou non adestrar xuntos, a viaxe de Copa..."

Pola súa banda, Adrián Lapeña tamén destacou que "estivemos bastante imprecisos nos pases, un pouquiño espesos, pero cando non estivemos ben sacamos un punto. Temos que ver os erros que tivemos, analizalos para tratar de corrixilos para o seguinte partido".

Coincide con Álex Bergantiños en que a xogada polémica non é penalti: "Pódoche dicir que non é. Estou a un metro. O árbitro é novo, igual púidolle un pouco a presión. Todos nos equivocamos. Dos erros apréndese e hai que seguir".

Cualifica de "curioso que nos toque un árbitro de Santander cando a priori é un rival directo. O que toma ese tipo de decisións ten que darlle unha volta ao tema para tentar que que non volva ocorrer, do mesmo xeito que cando xoguen eles non se lles asignen árbitros da Coruña".

Finalmente o central deportivista viviu na Malata un ambiente "fabuloso. Non nos cansamos de agradecer a toda a xente que veu a animarnos, tanto cando chegamos como dentro do estadio. Só temos palabras de agradecemento".