Os futbolistas do Dépor márchanse de vacacións cun plan de traballo personalizado
Os futbolistas do primeiro cadro iniciaron o pasado sábado, tras o partido ante a UD Las Palmas en Riazor, as súas vacacións de verán, que se prolongarán ata o 5 de xullo.
Cada un dos xogadores, excepto os tres porteiros e os lesionados (Joselu e Luisinho), márchase cun plan de traballo individualizado, deseñado polos preparadores físicos branquiazuis.
O obxectivo é que o xogador chegue nun estado de forma adecuada para afrontar a próxima temporada e evitar os contratempos físicos á hora de soportar o duro traballo de pretemporada.
O plan é o seguinte:
Do luns 22 de maio ao domingo 11 de xuño haberá descanso total, para recuperarse de todo o traballo realizado durante a temporada. Os preparadores físicos, iso si, aconsellan realizar deportes alternativos.
A partir do luns 12 de xuño, os futbolistas realizarán un traballo diario, consistente en:
-Exercicios de forza tres días por semana: os luns (12, 19 e 26 de xuño); mércores (14, 21 e 28 de xuño); e venres (16, 23 e 30 de xuño): flexións, abdominais, traballo de glúteos, cuádriceps, isquiotibiais, adductores...
-Traballo de resistencia mediante carreira continua e intermitente (variando a intensidade), de luns a venres a partir do 12 de xuño ata o 30 de xuño; e con só o mércores 14 de xuño como descanso.
Ademais, o corpo técnico fíxolles chegar unha serie de recomendacións aos futbolistas:
-Respectar as horas de descanso, entre 8 e 10 horas ao día.
-Coidar o peso, fundamental para evitar lesións e aguantar o ritmo de traballo durante o verán. A cada futbolista pídeselle que regrese co seu peso ideal.