Pepe Mel manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "a temporada, acabe xa como acabe, obviamente esperemos que acabe ben, entendendo por ben que o Dépor estea en Primeira a temporada que vén, creo que non é para que ninguén estea orgulloso nin contento, empezando por min mesmo".
Cre que "aínda que vaia a facer só 15 partidos, non é para estar contentos. Eu tamén quería moito máis. Non estou contento co rendemento que estou a lograr sacar. Despois do arranque esperaba máis".
Subliña "con todo o respecto do mundo" que "ao futbolista hai que tentar darlle ánimos mentres está a traballar, mentres está no terreo de xogo. E logo, cada un que mostre a opinión que queira. Mañá imos necesitar á nosa xente, imos necesitar que nos apoien, porque temos un rival moi complicado. Pero mañá e o seguinte partido que xogamos en Riazor, e o último que xoguemos contra Las Palmas".
Unha vez que finalice a temporada, advertiu que "todos os profesionais da casa, enténdase todos os profesionais da área deportiva, a secretaría técnica, o corpo técnico, temos que tentar que o ano que vén a nosa xente goce do seu Dépor".
Mañá ante o Real Madrid (21:30, Movistar Partidazo), ten previsto Pepe Mel "un mínimo de catro cambios" no once inicial respecto ao encontro do pasado domingo en Anoeta ante a Real Sociedad: "Debemos de refrescar o equipo. Porque nós, como os demais, temos tres partidos nunha semana. Sería ilóxico xogalos co mesmo once. Sobre todo por calidade física".
Insiste en que o equipo non ten falta de actitude, porque "corre máis do que debe, e os números están aí. O equipo corre moito, pero corre mal, porque corre cando non debe de correr. Perdemos a pelota con demasiada facilidade. Moita vantaxe para o rival e iso é o que temos que tentar mellorar. Non é cuestión técnica. Están capacitados dabondo para esta categoría. É cuestión de posición, dunha ruta que lles debo marcar eu".
Pepe Mel asegura que o equipo sairá mañá a gañar: "Só pensamos en tres. Sabemos o rival que temos enfronte. Sabemos que a eles tamén só válelles tres. No noso campo, ante a nosa xente, temos que dar un plus de moitas cousas".