RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeiro adestramento de 2021 con Borja Granero no grupo

O Deportivo completou esta mañá o seu primeiro adestramento de 2021. A novidade na Cidade Deportiva foi a presenza de Borja Granero co grupo na primeira parte da sesión, tal e como estaba previsto polos Servizos Médicos. O central branquiazul, despois de estar uns días con ximnasio e fisioterapia por mor dunhas molestias nun xeonllo, está pois na recta final da súa recuperación; aínda que será baixa segura este mércores en Copa debido á súa expulsión con vermella directa na primeira eliminatoria ante o CD El Ejido.

Así pois, os únicos futbolistas fóra da disciplina grupal son Miku; Borja Galán; Gandoy e Adri Castro, nos seus respectivos domicilios; e Uche, de viaxe de regreso desde Nixeria. Derik e Héctor realizaron tarefas co grupo e outras co readaptador, Fran Molano.

Os fabrilistas Pablo Brea, Manu Mosquera e Barba, ademais dos xuvenís Juan Rodríguez e Trilli, foron os canteiráns presentes hoxe na sesión do Deportivo.

Após un quecemento cunha roda de pases, Fernando Vázquez incidiu en aspectos tácticos no campo 3 enfocados ao partido ante o Alavés deste mércores 6 de xaneiro (19:00 horas) en ABANCA-RIAZOR, correspondente á segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei. Unha tarefa de posesión e un partido en espazo reducido puxeron o punto e final ao adestramento sobre o céspede.

Mañá domingo 3 de xaneiro haberá xornada de descanso. O Dépor volve ao traballo o luns 4 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.