RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeiro rival de Segunda RFEF para o Deportivo, mañá mércores ás 19:00 en Carballo

A pretemporada do Deportivo sobe un banzo mañá mércores 4 de agosto ás 19:00 horas no campo das Eiroas.

Até agora, os dous primeiros rivais nesta pretemporada foron de Terceira RFEF (Racing Villalbés e Viveiro CF). Mañá, enfronte do equipo que prepara Borja Jiménez estará o Bergantiños CF, que a temporada pasada ascendeu a Segunda RFEF.

O verán pasado, ambos os equipos tamén se viron as caras nas Eiroas. O choque, moi equilibrado, acabou en empate sen goles.

O Deportivo despraza a Carballo a 23 futbolistas. A principal novidade é a presenza de Celso Borges, que entra na convocatoria despois de dúas sesións co grupo; aínda que con ritmo de competición por acabar de disputar a Copa de Ouro da CONCACAF, un torneo similar á Eurocopa ou a Copa América.

Causan baixa forzosa Valín, Uche, Pablo Brea e Menudo, este último a consecuencia dunha contusión na coxa. Todos eles adestráronse hoxe co readaptador, Álex Canosa. A eles hai que engadir a Alberto Benito, que durante o adestramento desta mañá sufriu unha torsión de nocello. Pola súa banda, Rolan e Fede Cartabia teñen permiso.

Alberto, Trilli, Yeremay, Noel e Nájera conforman a representación de #ANOSACANTEIRA na citación de Borja Jiménez.

Na sesión desta mañá, o corpo técnico deportivista dispuxo, após un quecemento, un exercicio táctico con porterías pequenas e unha serie de partidos a tres cuartas partes do campo 2. Cun ensaio de accións a balón parado concluíu o adestramento. "O balón parado en todas as categorías dá unha chea de puntos. Ás veces non se valora tanto, non se traballa como debería. A maioría de accións ou ocasións veñen por un balón parado, por unha acción deste tipo. Hai que traballalo, hai que ser fortes tanto en balón parado ofensivo como defensivo. Así conseguiremos mellores resultados", apuntaba neste sentido Pablo Trigueros na súa presentación oficial como xogador do Deportivo.

Para mañá mércores están esgotadas as entradas de público dado que, por protocolo COVID, a capacidade das Eiroas queda reducida a 400 persoas. Iso si, o Bergantiños CF porá á venda nos despachos de billetes do propio campo algunha localidade solta procedente de socios que non a retiraron.

O choque será retransmitido en directo pola canle de Youtube do Real Club Deportivo grazas ao patrocinio da firma coruñesa integralmotion.es.

Tralo encontro, o equipo branquiazul adestrarase de novo o xoves 5 de agosto en ABANCA-RIAZOR ás 19:00 horas, a porta pechada.