RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quique avanza na súa recuperación e adestrouse hoxe co grupo

Quique González deu un paso máis na súa recuperación. Esta mañá, o dianteiro deportivista, aínda sen alta, realizou o adestramento co grupo. Os Servizos Médicos do Real Club Deportivo agardarán agora a súa resposta nas próximas sesións de traballo.

Seguen con tratamento médico e de fisioterapia: Borja Valle, Dubarbier e Diego Caballo.

A mañá de hoxe mércores arrancou na sala de vídeo por espazo de 30 minutos.

Xa sobre o céspede, Natxo González, após un quecemento e uns rondos, dispuxo un adestramento de alta intensidade, con partidos de fútbol reducido como principal tarefa.

A continuación, o técnico deportivista fixo fincapé nos automatismos de ataque, un aspecto que os futbolistas recalcan como unha materia con marxe de mellora, lóxico se se ten en conta a cantidade de incorporacións que houbo este verán no cadro.

Dado que a próxima cita ligueira será aínda o luns 24 de setembro en ABANCA-RIAZOR ante o Granada CF (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), os responsables técnicos decidiron que mañá xoves 20 de setembro sexa día de descanso para o cadro nunha semana longa de traballo.

Os branquiazuis volverán aos adestramentos o venres 21 de setembro ás 11:00 horas en Abegondo.