RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Resultados da fin de semana en #ANOSACANTEIRA e calendario para mañá domingo

Deportivo ABANCA B e Xuvenil A iniciaron hoxe sábado lonxe da Cidade Deportiva e con igual resultado (2-2) a competición ligueira en Primeira Nacional e División de Honra respectivamente.

O filial feminino visitou ao Viajes InterRías FF, un dos fanfurriñeiros do grupo que este verán só caeu 1-0 co Dépor ABANCA no Trofeo Concello de Sanxenxo; e o actual campión de España en categoría xuvenil comezou cun empate que sabe a pouco polas ocasións falladas a súa defensa do título nacional en Oviedo.

En canto ao resto de equipos, continúan con amigables o Fabril, Cadete e Infantil; estes dous últimos hoxe sábado e saldados con claros triunfos ante o CD Calasanz xuvenil B (7-1) e cadete B (5-1) respectivamente.

O filial masculino enfróntase ao Betanzos CF no Municipal García Hermanos no seu último test de pretemporada. O conxunto local, un histórico do fútbol galego, milita actualmente en Preferente Autonómica. En xogo estará a XI edición do Trofeo Cidade de Betanzos.

É novidade no encontro a última incorporación do Fabril, Víctor Manuel Castaño Terrazas 'Runy' (Hornados, Badaxoz, 17 de novembro do 2000). Este extremo dereito xa se adestra ás ordes de Óscar Gilsanz procedente do UD Extremadura.

Óscar Gilsanz citou ademais a estes futbolistas: Alberto, Brais, Iván Guerrero, David Suárez, Juan Rodríguez, Álex González, Raúl, Brais Val, Juan Cambón, Fabio, Barba, Javi Sanmartín, Álex Delgado, Mario, Víctor e Jairo.

Á marxe de Noel, Yeremay e Trilli, todos eles en dinámica do primeiro equipo, son baixa mañá en Betanzos David Martínez 'Davo', convocado co Deportivo para visitar ao CD Tudelano; e Dani Barcia, concentrado coa selección española sub-19 do mesmo xeito que Noel e Trilli, citados anteriormente.

O triunfo onte do Xuvenil B (1-0) nun novo amigable en Abegondo ante o CD Calasanz A abriu o programa de encontros.

O calendario, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Terceira RFEF
XI Trofeo Cidade de Betanzos
BETANZOS CF - FABRIL, o domingo 5 de setembro ás 19:00 no Municipal García Hermanos

Categoría feminina
Primeira Nacional, grupo 1º, 1ª xornada: VIAJES INTERRÍAS FF 2 - DEPORTIVO ABANCA B 2 (Paula Monteagudo e Noela)

Categoría xuvenil
División de Honra, grupo 1º, 1ª xornada: REAL OVIEDO 2 - XUVENIL A 2 (Urdiales e Nájera)

Amigable: XUVENIL B 1 (Kevin) - CD CALASANZ A 0

Categoría cadete
Amigable: CADETE 7 (Guerrero -3-, Jorge, Luis Viñas e Iraitz -2-) - CD CALASANZ B (xuvenil) 1

Categoría infantil
Amigable: INFANTIL 5 (Lucas Regueiro, Casuso, Hugo Ramos e Diego López -2-) - CD CALASANZ B (cadete) 1