RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rondos e estratexia nun venres de baixa carga física

Como é habitual dous días antes de cada partido, Rubén de la Barrera baixou esta mañá a carga física na sesión matinal de hoxe venres.

Despois dunha sesión de vídeo no vestiario, o cadro branquiazul realizou un quecemento con rondos xa sobre o céspede.

A continuación, houbo ensaio de accións a balón parado no campo 2 de cara ao compromiso deste domingo 11 de abril no Nuevo Ganzábal ante o UP Langreo (17:00 horas), correspondente á 2ª xornada no grupo 1D de Segunda División B. O corpo técnico incidiu especialmente nos saques de esquina, faltas laterais e frontais.

En canto ás accións de estratexia, Rubén de la Barrera manifestou en rolda de prensa que "en canto a posibilidades de remate os números aumentaron claramente pero a niveis de eficacia non. Non fomos capaces de facer gol. Atendendo ao que somos nós individualmente e a cada tipo de acción a balón parado, e como nos defende o rival, trátase de atopar os mellores puntos de partida, percorridos e posicións finais para que as opcións de remate sexan o máis limpa e clara posible". "O balón parado é importante sempre e o domingo seguramente tamén", concluíu.

Co fabrilista Adri Castro no grupo, quedaron no ximnasio e na padiola dos fisioterapeutas Derik e Borja Galán, este á espera de probas médicas para saber o alcance exacto das molestias nos isquiotibiais da súa perna dereita que onte lle impediron acabar o adestramento en ABANCA-RIAZOR.

Precisamente sobre o atacante madrileño manifestou o técnico deportivista que "sufriu molestias onte nunha acción concreta. Ademais entrou con talón e fíxose dano. Pero de momento non podemos dicir nada máis. Vai estar complicada a súa presenza para a fin de semana pero até aí. Esperemos poder dispoñer de todos canto antes".

Mañá sábado 10 de abril, o Deportivo realizará en Abegondo, a partir das 10:30, o último adestramento previo ao partido en Langreo.