RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär estréase nunha sesión física e táctica de case dúas horas

Fabian Schär realizou esta tarde o seu primeiro adestramento co Deportivo na Cidade Deportiva de Abegondo.

Onte domingo, o defensa internacional adestrouse en solitario co preparador físico David Gómez, posto que o equipo tiña día de descanso.

A chuviosa tarde arrancou hoxe no ximnasio, cun traballo de forza. Xa no campo 2, cos canteiráns Edu Expósito e Francis, os futbolistas realizaron un circuíto físico con remates, traballaron a presión cun roldo, e a saída de balón, para poñer o punto e final sobre o céspede.

Retirouse antes ao vestiario Luisinho, cunha contusión no xemelgo dereito. Por outra banda, Carles Gil estivo no ximnasio co readaptador Fran Molano.

Mañá martes, o cadro está citado de novo ás 10:00 horas en Abegondo. Ao finalizar o adestramento, Pepe Mel dará a lista de convocados para o sétimo amigable de pretemporada, ás 20:00 horas en Pasarón ante o Pontevedra, coa LVIII edición do Trofeo Luis Otero en xogo.

A directiva do Club granate fixou os seguintes prezos:

-Tribuna: 16 euros (adulto, máis de 18 anos); 5 euros (xuvenil, de 14 a 18 anos) e 3 euros (infantil, de 7 a 13 anos)
-Preferencia: 12 euros (adulto), 5 euros (xuvenil) e 3 euros (infantil)
-Bancada de fondo: 8 euros (adulto), 5 euros (xuvenil) e 3 euros (infantil)