RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sesión post-partido habitual no Dépor, co cadro dividido en dous grupos

O Deportivo completou esta mañá unha sesión habitual post partido en Abegondo. Así, Rubén de la Barrera dividiu ao seu cadro, hoxe cos fabrilistas Adri Castro e Pablo Brea, en dous grupos.

Os titulares onte en ABANCA-RIAZOR ante o Pontevedra CF realizaron tarefas de recuperación, primeiro no campo con mobilidade, roldo e carreira; e logo no vestiario con ximnasio e paso pola padiola dos fisioterapeutas.

Para os que non actuaron de inicio onte, o adestramento consistiu, após un quecemento, nun exercicio de posesión, duelos un contra un e, para concluír, fútbol en espazo reducido, de alta intensidade.

Con Derik intervido cirurxicamente a pasada madrugada no Hospital Quirón Saúde A Coruña do seu tendón de Aquiles dereito, Celso Borges foi o outro futbolista que se adestrou á marxe do grupo.

Yago Gandoy, afectado dun proceso febril, quedou no seu domicilio.

Mañá martes haberá xornada de descanso. O Dépor retorna aos adestramentos o mércores 10 de marzo a partir das 11:00 en Abegondo.