RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Todo o cadro do Dépor, citado mañá en ABANCA-RIAZOR para medirse ao Pontevedra CF

Rubén de la Barrera citou a todo o seu cadro, 22 futbolistas, para enfrontarse mañá domingo 7 de marzo ao Pontevedra CF en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG), correspondente á 16ª xornada (antepenúltima) no subgrupo A do grupo 1º de Segunda División B.

A novidade é o regreso de Miku, que hoxe mesmo recibiu o visto e prace dos Servizos Médicos do Club. Así pois, co dianteiro venezolano apto, todos os xogadores branquiazuis están en condicións de xogar.

Suspendido por COVID-19 o partido entre o Coruxo FC e o Racing de Ferrol, o técnico deportivista manifestou onte en rolda de prensa que non vía un adiamento do resto da xornada pero si que "todo o mundo chegue á última con todos os encontros xogados aínda sabendo que vai haber equipos, neste caso os afectados, que lles vai a tocar xogar partidos nun período de tempo menor. Vai estar todo moito máis comprimido".

Na sesión desta mañá en Abegondo, última antes do choque, Rubén de la Barrera dispuxo unha tarefa de evolucións en ataque, un traballo táctico e, para concluír, un exercicio con situacións de saque de porta no campo 2.

Mañá domingo, despois de varios partidos con ABANCA-RIAZOR totalmente baleiro, haberá unha representación de #ANOSAFORZA na bancada de Tribuna, segundo establecen as autoridades sanitarias. Á devandita oferta puideron acceder unicamente os Socios Protectores.

Finalizado o choque ante o Pontevedra CF, Rubén de la Barrera citou de novo ao seu cadro o luns 8 de marzo ás 11:00 en Abegondo.