RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Traballo habitual post-partido no Dépor, con dous grupos en Abegondo

Xa advertiu en varias das súas comparecencias públicas Rubén de la Barrera, técnico deportivista, que non quería altibaixos no equipo segundo os marcadores dos partidos.

Con esta premisa, e rota onte ante o CD Guijuelo a dinámica de malos resultados, o Dépor regresou aos adestramentos esta mañá en Abegondo coa súa rutina habitual.

Os titulares onte en ABANCA-RIAZOR adestráronse á marxe do grupo, con traballo de mobilidade, roldo e tarefas de recuperación no vestiario. A este grupo uniuse o fabrilista Adri Castro, que xogou onte no Poboado das Pontes co filial deportivista.

Para os deportivistas que non actuaron de inicio, incluído o meta fabrilista Alberto, a mañá foi de alta intensidade. Houbo roldo, unha tarefa de posesión, un exercicio de transicións ofensivas e, para concluír, fútbol en espazo reducido. Case hora e media de sesión supervisada por Rubén de la Barrera. Keko exercitouse no ximnasio, con adestramento específico; ademais de Miku, o único xogador do cadro a día de hoxe con molestias físicas.

Mañá martes 16 de febreiro haberá xornada de descanso. O Deportivo regresa á Cidade Deportiva o mércores 17 ás 10:30 horas para comezar a preparar a seguinte cita ligueira, a visita ao Racing de Ferrol prevista para o sábado 20 de febreiro ás 19:00 na Malata (TVG).