RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Traballo táctico e ensaio de accións a balón parado, tarefas principais de hoxe no Deportivo

O Deportivo acelera a preparación do primeiro partido no grupo 1D de Segunda División B ante o Marino de Luanco, este domingo 4 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG).

O conxunto branquiazul parte como líder do grupo con 29 puntos, seguido polo Racing de Ferrol con 27. Con 25 arrincan esta segunda parte da competición o CD Numancia, Compostela e UP Langreo.

Con só a ausencia no campo de Derik, aínda que Héctor non dispón aínda do visto e prace dos Servizos Médicos, e a maiores co fabrilista Adri Castro, Rubén da Barreira dispuxo dun exercicio táctico de saída de balón no campo 2 e ensaio de accións a balón parado como saques de banda ou córneres.

"Empezamos tranquilos a semana e co paso dos días a sensación é a mesma: a xente está metida, está conectada e iso é o que importa", subliñou onte o técnico coruñés na súa comparecencia ante os medios de comunicación na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

Mañá sábado 3 de abril o corpo técnico variou a programación inicial e ao final o Dépor adestrarase en Abegondo a partir das 10:30 horas.