RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Trilli completou esta mañá co grupo unha sesión de menor carga física

Trilli continúa con paso firme a súa recuperación. O canteirán branquiazul completou hoxe xoves todo o adestramento co grupo, aínda que a sesión foi de menor carga física.

Os Servizos Médicos branquiazuis comprobarán agora a evolución do futbolista de #ANOSACANTEIRA nos próximos adestramentos antes de dar o visto e prace para o seu regreso á competición.

Borja Jiménez, despois dun quecemento, dispuxo un exercicio de finalizacións, un ensaio de accións a balón parado e un xogo de habilidade técnica antes de poñer rumbo de regreso aos vestiarios.

Traballaron á marxe Pablo Trigueros, Valín e Alberto Benito. Ademais do citado Trilli, Alberto, Yeremay, Juan Rodríguez e Noel completaron a representación de #ANOSACANTEIRA.

Precisamente a instancias dos medios de comunicación, Alberto Quiles referiuse a Noel ao recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do mes de setembro: "Tratámolo como un máis, polo menos eu. É un máis do cadro e falo con el coma se falase con calquera xogador. Non teño un trato especial. Eu cheguei aquí e Noel xa estaba co primeiro equipo". Ademais, apunta que o ve "futbolísticamente moi ben e logo, como rapaz, é tamén impresionante", conclúe o dianteiro andaluz.

Mañá venres, o Dépor adestrarase en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, a partir das 10:30 horas. Será a última sesión previa á visita da UD San Sebastián de los Reyes, prevista para o sábado 16 de outubro ás 19:00 horas (Footters).