RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Última sesión de adestramento en Haifa previa ao Maccabi-Dépor de mañá

O Xuvenil A desprazouse onte a Israel para visitar ao Maccabi Haifa no partido de volta da segunda eliminatoria da UEFA Youth League previsto para mañá mércores 8 de decembro ás 16:00 no Sammy Ofer Stadium de Haifa.

A academia deportiva do Maccabi Haifa FC “Ketzef” foi o escenario esta tarde da última sesión de traballo previa ao encontro. Nas instalacións cedidas polo cadro local Manuel Pablo dispuxo unha sesión específica para preparar o encontro após unha longa viaxe.

"É bonito viaxar en grupo e poder coñecer outras cidades e outros países e os rapaces estiveron moi atentos ás explicacións do coordinador de Haifa. Aínda que non tivemos moito tempo para ver porque chegamos moi tarde é unha experiencia bonita para todos", sinalou Manuel Pablo no hotel de concentraciónn na cidade israelí antes de valorar a priori o partido: "espero un equipo que vai saír forte porque teñen que remontar un resultado moi adverso pero nós temos que saír sen mirar ao resultado senón a tentar facer o mesmo que fixemos na ida, ser un equipo moi forte e non pensar na vantaxe". Após o adestramento quixo agradecer "as atencións do Maccabi, xa desde onte que nos foron a buscar no bus do primeiro equipo e as boas instalacións e o material facilitado". A sesión de traballo cualificouna de "bastante amena, pensando xa no partido e acabando con xogo para ter boas sensacións para mañá. Estou moi contento de como o tomaron", concluíu.

Na ida disputada en ABANCA-RIAZOR o pasado 3 de novembro, ante máis de 12.000 persoas, o triunfo foi deportivista: 5-1. Toda Europa, asombrada, fíxose eco do ambiente excepcional que se viviu en #ANOSACASA durante os noventa minutos.

O equipo que prepara Manuel Pablo chega a esta nova cita europea após derrotar onte sábado na Grela 1 ao Ural Español CF (0-1), e a tres puntos de distancia do RC Celta no grupo 1º da División de Honra: 38 puntos suman os célticos por 35 os branquiazuis.

O Dépor viaxa con 18 futbolistas, entre os que se atopan xogadores habituais no Fabril e que xa apareceron no primeiro equipo en adestramentos e partidos, caso de Dani Barcia, Juan Rodríguez, Nájera ou Mella.

Na primeira eliminatoria europea, o Xuvenil A superou ao MKS Pogoń Szczecin despois dunha noite máxica que emulou ás históricas do primeiro equipo na Champions League. Após caer 3-0 en Polonia de maneira inxusta e con dous goles no tempo de desconto de cada parte, ABANCA-RIAZOR e #ANOSAFORZA empuxaron a unha histórica remontada aos xuvenís branquiazuis: 4-0.

Máis plácido foi o pase do Maccabi Haifa ante o Zalgiris, campión de Lituania: 0-3 na ida disputada no LFF Stadium de Vilna e, con todo sentenciado, nova vitoria por 2-0 no Netanya Municipal Stadium da localidade israelí de Netanya, a medio camiño entre Tel Aviv e Haifa.

Nesta competición non existe a regra do valor dobre en campo contrario e, en caso de empate despois do tempo regulamentario non haberá prórroga e si lanzamento desde o punto de penalti.

En caso de superar esta rolda, o Xuvenil A accedería ao playoff que o emparellaría, a partido único o 8 ou 9 de de febreiro de 2022 en ABANCA-RIAZOR, cun equipo segundo clasificado dun dos oito grupos da Ruta Champions League.

O plan de viaxe que lle resta ao Xuvenil A é o seguinte:

Mércores 8 de decembro
16:00: Maccabi Haifa - Xuvenil A, no Sammy Ofer Stadium de Haifa

Xoves 9 de decembro
6:00: Saída do voo de Tel Aviv con destino Madrid
11:40: Saída do voo de Madrid con destino Santiago
12:55: Chegada aproximada a Galicia