RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un golazo de Keko devolve a esperanza ao deportivismo (1-0)

O Deportivo volveu sumar un triunfo en ABANCA-RIAZOR, ao impoñerse ao Pontevedra CF grazas a un solitario gol de Keko no minuto 5 e a saber sufrir o indecible os 85 restantes para conservar tres puntos vitais.

Rubén de la Barreira realizou cinco cambios con respecto ao once que presentou na pasada xornada, hai dúas semanas na Malata fronte ao Racing de Ferrol. En defensa, Derik entrou por Mujaid. En mediocampo, Álex Bergantiños e Keko ocuparon o sitio de Agbo e Borges, este con problemas musculares. En ataque, Miku e Borja Galán supliron a Rayco e Lara.

O Dépor comezou o partido moi enchufado, veloz e preciso. Pola banda dereita trenzou unha boa acción na que Bóveda gañou a liña de fondo pero o seu centro non atopou rematador. Pouco despois, Borja Galán cabeceou completamente só, ao bordo da área pequena, un centro de Héctor. A pelota foise á esquerda do portal granate por moi pouco. O premio ao bo facer herculino chegou no minuto 5, cando Keko bateu a Álvaro Cortés cun disparo coa súa perna esquerda colocado ao recanto contrario.

O Pontevedra refíxose pronto e no minuto 7 dispuxo dunha boa ocasión após unha apertura de Rufo ao extremo esquerdo, onde Charles, a perna cambiada, tirou moi frouxo a mans de Lucho García.

Ao cuarto de hora, o árbitro sufriu un problema físico nun xemelgo polo que tivo que ser atendido polo corpo médico deportivista. O parón, de máis de tres minutos, pareceu afectar o plan duns e outros, xa que o encontro entrou entón nunha fase moito máis igualada, na que os sistemas defensivos se impuxeron claramente aos ataques e os porteiros apenas viron a pelota preto dos seus dominios. A ocasión máis clara até o descanso estivo en pés do visitante Rufo, que no minuto 36 encarou a Derik e soltou un dereitazo desde o bordo da área. O lanzamento, duro pero centrado, atrapouno con seguridade Lucho García. Sorprendentemente, o colexiado só engadiu dous minutos ao primeiro período.

A segunda metade arrancou cun triplo cambio nas filas pontevedresas, pero non ao regreso dos vestiarios, senón aos tres minutos de reaunudarse o encontro. E non transcorreran oito minutos cando Rubén de la Barrera viuse obrigado a realizar o primeiro cambio ao lesionarse Derik, co que deu entrada a Mujaid.

O equilibrio foi a nota predominante tamén neste segundo tempo. Nos primeiros minutos, ambos os equipos ameazaron a portería rival, pero sempre sen producirse remates. A primeira acción reseñable chegou no minuto 62, nunha internada invalidada a Keko por un fóra de xogo que, se é que o foi, foi por milímetros. Borja Galán chegaba completamente só polo centro para empuxar a pracer o seu servizo. A polémica continuou catro minutos despois, cando unha falta colgada á área rematouna co pé dereito Miku, lanzándose ao chan co seu marcador literalmente colgado do internacional venezolano. O colexiado nesta ocasión non sancionou a xogada.

A última acción de ataque do Deportivo chegou nun disparo cruzado de Lara, que acabou por pouco en saque de esquina após rozar nun defensor visitante.

O Pontevedra CF xa inclinara o terreo de xogo pero os branquiazuis defenderon con orde ata que os visitantes fóronse con todo nos minutos finais. No 89, Lucho García realizou unha prodixiosa intervención nunha cabezada de Adrián Cruz nun córner. No rexeite do saque de esquina posterior, o propio Adrián Cruz empalmou unha durísima volea que atrapou con seguridade o porteiro deportivista.

Con esta vitoria, os branquiazuis suman 23 puntos, igualados na cuarta praza con SD Compostela e Racing de Ferrol.

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Derik (Mujaid, min. 55), Borja Granero, Héctor Hernández, Villares, Álex Bergantiños, Raí (Uche Agbo, min. 88), Keko (Lara, min. 72), Miku (Rayco, min. 72) e Borja Galán (Claudio Beauvue, min. 88).

Pontevedra CF: Álvaro Cortés, Aitor Núñez (Damià Sabater, min. 48), Churre, Xisco Campos, Zabaleta (Adrián Cruz, min. 48), Jorge Fernández (Martín Diz, min. 48), Imanol García, Oier Calvillo (Óscar Fernández, min. 74), Álex González, Rufo e Charles.

Gol: 1-0 Keko (min. 5).

Árbitro: Collado López (c. castelán-manchego). Cartóns amarelos a Borja Granero (min. 33), Oier Calvillo (min. 45), Álex González (min. 45+1) e Adrián Cruz (min. 59).

Incidencias: partido da 16ª xornada do Grupo 1 Subgrupo A de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 500 espectadores debido á pandemia de COVID-19.