RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vendaval branquiazul en Cantabria (0-4)

O Dépor ABANCA sumou a súa cuarta vitoria consecutiva, ao impoñerse con autoridade en Tanos ao CDE Racing Féminas nun partido marcado polas intensas granizadas caídas nos prolegómenos e durante a primeira metade e polo frío reinante.

Cando o colexiado se dispuña a realizar o sorteo de campos, as xogadoras de ambos os equipos e o trío arbitral tiveron que refuxiarse nos bancos e o túnel de vestiarios dada a intensidade e o tamaño da saraiba que caía sobre o Campo de Santa Ana, en Tanos (Torrelavega).

O Dépor ABANCA saíu a dominar o partido e aproveitou un erro do conxunto cántabro para adiantarse pronto no marcador. Corría o minuto 6 cando María Ruiz presionou á porteira Sara Serrat, cuxo control a unha cesión de Titay Márquez foise longo, a dianteira deportivista tapou o seu golpeo e o rexeite introduciuse na portería cántabra.

O equipo local gozou da súa primeira ocasión clara no minuto 17, cando Titay Márquez capturou un balón solto ao bordo da área despois dunha falta colgada e empalmou un dereitazo que se perdeu á esquerda da portería coruñesa.

O conxunto branquiazul exerceu de total dominador do encontro e froito diso, na segunda metade do primeiro tempo acumulou chegadas á área contraria. No minuto 20, María Ruiz disparou por riba do traveseiro. No 28, o dereitazo raso da dianteira andaluza atrapouno Sara Serrat en dous tempos. Ao fío do descanso foi un disparo afastado de Alejandra Serrano o que puxo en apertos á porteira local, que rexeitou co peito cara á súa dereita e unha defensa acabou afastando o perigo.

O partido aínda quedou máis desnivelado cando transcorreran soamente 53 segundos da segunda metade. Ainhoa Marín aproveitou unha falta de entendemento entre Titay Márquez e a súa porteira para responder a un despexe de Inés Altamira para adiantarse a ambas e bater por segunda vez a portería santanderina.

Coa vantaxe de dous goles, o Dépor ABANCA xogou máis cómodo co seu habitual estilo de control da posesión, sen présa para atacar e sen abafos en defensa. Só unha falta afastada botada por Silvia, que tratou de sorprender a Ana Valles, no minuto 48, sobresaltou ás coruñesas.

María Ruiz dispuxo dun man a man con Sara Serrat no minuto 55, após dobrar pola esquerda a Adule, pero topouse coa intervención da gardameta, que rexeitou a córner. Nese mesmo saque de esquina, a nixeriana, soa no segundo pau, rematou frouxo con todo a favor despois de que Inés Altamira peitease no primeiro pau o envío de Paula Gutiérrez.

Os minutos transcorrían sen que o Dépor ABANCA pasase apuros ata que no tramo final as branquiazuis puxeron a puntilla ao seu adversario. Aroa Guerra fixo o terceiro no minuto 81, nunha longa acción de ataque. Unha dobre ocasión para Aroa Guerra e María Ruiz, que rexeitou en ambas as ocasións Sara Serrat, pero o segundo rexeite quedou solto ao bordo da área pequena, onde Aroa Guerra lanzándose ao chan anticipouse a Titay Márquez para facer o terceiro.

Catro minutos despois, María Ruiz anotou o segundo tanto na súa conta particular para facer o 0-4 definitivo, ao remachar coa dereita na área pequena un centro desde a dereita de Ainhoa Marín.

Con esta vitoria, o Dépor ABANCA alcanza os 28 puntos após 11 xornadas, que lle permiten plantarse no duelo da próxima fin de semana fronte ao líder, o FC Levante Las Planas, en disposición de empolicarse todo o máis alto da táboa.

CDE Racing Féminas: Sara Serrat, Andrea Totana, Marina Martín, Titay Márquez, Ali Ruiz, Henar, Silvia, Yuki Togawa (Elexa Bahr, min. 46), Laura Camino, Laura Viñas (Paloma, min. 67) e Adubea (Naara, min. 77).

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Patri López (Andrea Sierra, min. 84), Paula Gutiérrez (María Figueroa, min. 84), Carlota (Jone Ibáñez, min. 73), Ainhoa Marín, Alejandra Serrano (Eva Dios, min. 58), María Ruiz e Adule (Aroa Guerra, min. 58).

Goles: 0-1 María Ruiz (min. 6); 0-2 Ainhoa Marín (min. 46); 0-3 Aroa Guerra (min. 81); 0-4 María Ruiz (min. 85).

Árbitro: Campelo Núñez (c. cántabro). Sen cartóns.

Incidencias: partido da 11ª xornada de Reto Iberdrola disputado no Campo de Santa Ana, en Tanos (Torrelavega).