RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Presidente Paco Zas clausura a quenda dos mércores da Escola RC Deportivo

O Presidente do Deportivo, Paco Zas, clausurou esta tarde a quenda dos mércores da Escola RC Deportivo, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña na Grela.

En total 29 nenos e 1 nena, Daniela, recibiron a visita do máximo dirixente branquiazul, que fixo un oco na súa apertada axenda destes emocionantes días para compartir uns minutos cos alumnos.

Con todos os nenos e nenas sentados en semicírculo, Paco Zas interesouse polas súas vivencias na Escola RC Deportivo e felicitoulles por este curso que agora acaba.

Antes de asinar autógrafos a todos os participantes en postais, camisetas e zapatillas, o Presidente deportivista entregou os diplomas acreditativos aos que hoxe concluíron a Escola.

A Fundación Real Club Deportivo puxo en marcha en xaneiro esta actividade que vai máis aló do concepto DéporCampus Cabreiroá que se desenvolve no verán, semana santa e Nadal. O seu principal obxectivo é complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Nela trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

As familias de todos os nenos e nenas participantes recibirán nos próximos días no seu correo electrónico unha avaliación a cargo dos técnicos do RC Deportivo de cada alumno.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible nesta ligazón.